A Tradescola abre o prazo de matrícula para o novo curso de música e baile tradicional galego

LugoXa
As inscricións estarán abertas ata o 11 de setembro para aulas de gaita, acordeón, zanfona, baile, canto, pandeireta e outras disciplinas no Centro Lug 2 e no Centrad de Lugo
Maios-Tradescola-2026
3 Sep 2026

A Tradescola abre o prazo de matrícula para o vindeiro curso, cunha oferta formativa centrada na música, o canto e o baile tradicional galego. As aulas incluirán disciplinas como gaita, clarinete, zanfona, acordeón, acordeón diatónico, baile tradicional, canto e pandeireta, pandeira, pandeiro, percusión, requinta e linguaxe musical.

A programación tamén contempla aulas de conxunto e propostas de iniciación á música e ao baile tradicional especificamente dirixidas aos máis pequenos.

As clases impartiranse nos locais do Centro Lug 2, na rúa Pintor Corredoira número 4, e nos espazos do Centrad de Lugo, na rúa Chantada. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o 11 de setembro, en horario de 11.30 a 13.30 e de 16.30 a 18.30 horas, nos locais do Centro Lug 2. As persoas interesadas tamén poden solicitar información ou formalizar a matrícula a través do teléfono 982 229 966.

Dez mestres para a formación musical e tradicional

O proxecto educativo da Tradescola conta con dez docentes especializados en diferentes ámbitos da música e do baile tradicional galego. Alberte Núñez impartirá as aulas de acordeón e acordeón diatónico; Bruno Villamor encargarase da gaita e a requinta; e Lucía Eiros dará clases de clarinete e linguaxe musical.

Xabier Iglesias será o responsable das aulas de baile tradicional e das actividades de iniciación á música e ao baile tradicional para nenos e nenas. José Manuel López impartirá gaita, mentres que Branca Villares e Roberto Rodríguez estarán ao fronte das aulas de canto e pandeireta, e Branca Villares tamén das de pandeira.

O equipo docente complétase con Germán Díaz, encargado da zanfona; Miguel Anxo López Buján, responsable da percusión tradicional, e Pedro Pascual, que impartirá as aulas de conxunto.

A Tradescola, centro de ensino da música, o canto e o baile tradicional galego xestionado pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, mantén así a súa aposta pola formación como ferramenta para a conservación, o coñecemento e a divulgación da cultura tradicional de Galicia.

O centro conta co apoio da Área de Cultura e Centrad, dependentes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e da Xunta de Galicia.

0.14845299720764