A Tradescola presenta no Vello Cárcere a súa nova Aula de Conxunto cun concerto aberto ao público

A Tradescola presentará mañá martes, 19 de maio, a súa nova Aula de Conxunto cun concerto no Vello Cárcere de Lugo que comezará ás 20.00 horas e contará coa participación de máis de 20 músicos e músicas vinculados á escola. O recital estará guiado por Pedro Pascual e servirá como posta de longo dun proxecto que botou a andar hai aproximadamente un ano.
Esta nova formación naceu coa intención de achegar ao alumnado ao traballo colectivo e á dinámica da práctica musical en grupo, integrando instrumentos moi diversos como gaitas, acordeóns, zanfonas, clarinetes, requintas, frautas traveseiras, percusións e voces.
O repertorio toma como referencia principal a música tradicional e popular galega, así como composicións de autores e autoras inspirados nos ritmos e formas propias da música galega. O obxectivo é combinar as posibilidades tímbricas e sonoras dos diferentes instrumentos para construír un son coral, equilibrado e con identidade propia.
Desde a Tradescola destacan que esta iniciativa supón “un paso máis” no traballo de promoción e difusión da música tradicional galega que desenvolve a entidade. O concerto preséntase como unha oportunidade especial para compartir co público o resultado do traballo realizado durante este tempo e dar a benvida oficial a este novo grupo musical, nacido coa vontade de continuar medrando enriba dos escenarios.
A actividade conta coa colaboración da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade da sala.