A transformación do Carril das Flores, impulsada polo anterior Goberno municipal, avanza cunha nova pasarela

LugoXa
Rubén Arroxo destaca a mellora da mobilidade e da imaxe desta zona de Lugo e reclama ao Concello que complete a actuación coa eliminación do tapón urbanístico de Montero Ríos
remodelacion-carril-das-flores-lugo
16 Aug 2026

As obras de transformación do Carril das Flores avanzan e están a cambiar a configuración deste espazo de Lugo, segundo destacou o portavoz do BNG, Rubén Arroxo, durante unha visita á zona. A intervención afecta un punto de conexión entre Fontiñas e o centro da cidade e situado nunha contorna na que conflúen dous patrimonios da humanidade.

Arroxo puxo en valor o resultado dos traballos e lembrou que a actuación fora iniciada durante o anterior Goberno municipal. Ao seu xuízo, “esta obra mellora un punto no que conflúen dous patrimonios da humanidade e que conecta Fontiñas co centro da cidade, un punto que a pesar da súa importancia, demostraba un dos espazos de máis feísmo da cidade”. O portavoz nacionalista considera que a execución “supón unha mellora substancial para a mobilidade e a imaxe urbana de Lugo”.

Un dos elementos principais da intervención é a renovación da pasarela do Carril das Flores, situada nas proximidades da rolda da Muralla. A estrutura anterior foi substituída por unha nova pasarela metálica lixeira, apoiada sobre piares e vigas e cunha cimentación soterrada.

“Deste xeito, o muro orixinal vese íntegro e amplíase o ancho da parte inferior”, explicou Arroxo. A solución busca tamén unha integración estética coa contorna, dando continuidade á Mosqueira e á praza do Camiño Primitivo e “dando unha imaxe de uniformidade ao longo do Carril das Flores”.

Na parte superior da pasarela manterase o pavimento de plaqueta, mentres que a nova configuración da vía incorpora unha calzada de formigón e unha zona peonil de granito. O proxecto inclúe tamén xardineiras de aceiro Corten e bancos.

O Carril das Flores está a configurarse como unha plataforma única na que se diferenciarán as zonas destinadas ao tránsito peonil e aos vehículos que saian do aparcamento. A nova rúa contará con pavimento de formigón, espazos axardinados e bancos.

A actuación inclúe ademais a renovación do alumeado da vía, co soterramento das canalizacións e a ampliación da rede co obxectivo de “eliminar por completo as zonas escuras”. Para esta intervención reutilizaranse as columnas de alumeado de fundición recuperadas do casco histórico, unha solución que, segundo Arroxo, permitirá “dar unha mellor imaxe á contorna e avanzar na implantación de alumeado LED”.

O portavoz do BNG tamén reclamou ao actual Goberno municipal que dea continuidade á actuación coa eliminación do tapón urbanístico situado ao inicio de Montero Ríos e do propio Carril das Flores. Arroxo sinalou que o anterior Goberno deixou preparado o proceso para incorporar este predio ao espazo público municipal e pediu “celeridade” para resolver esta cuestión “canto antes”.

A transformación do Carril das Flores enmárcase nos investimentos realizados durante os últimos sete anos para renovar o trazado do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo. Durante este período executáronse intervencións en diferentes puntos do percorrido para mellorar a seguridade das persoas peóns, como nas zonas de Castelo e A Chanca, así como actuacións destinadas a mellorar a estética da ruta, entre as que se sitúa a que se está a desenvolver no Carril das Flores.

O obxectivo destas intervencións é dignificar o percorrido do Camiño de Santiago pola cidade, sumando ás características propias da ruta as vistas da Muralla e a integración de tres Patrimonios da Humanidade ao longo do itinerario.

0.12429404258728