A UNED de Lugo entrevista a Nico Adega para reivindicar a importancia da ciencia na loita contra o cancro infantil

LugoXa
O quinto episodio do videopódcast 'Plan A', presentado por Ana Belén Traseira, aborda a experiencia do deportista lucense tras superar un osteosarcoma aos sete anos e a necesidade de seguir investigando esta enfermidade
Entrevista Nico Adega UNED Lugo
10 Nov 2026

A UNED de Lugo estreou unha nova entrega de 'Plan A', o videopódcast impulsado a través da Oficina Verde dos Centros Asociados da UNED. Coincidindo co Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, o quinto episodio está protagonizado polo deportista lucense Nicolás Martínez Adega, coñecido como Nico Adega, nunha conversa coa directora do centro, Ana Belén Traseira, sobre os avances científicos na loita contra o cancro infantil, a inclusión e o deporte adaptado.

Campión do mundo e de Europa e subcampión mundial de paracanoe, Nico Adega recibiu tamén o Premio Deporte Galego 2025 ao Mellor Deportista Masculino con Discapacidade. Porén, a súa traxectoria deportiva estivo marcada desde a infancia por un osteosarcoma, un tipo de cancro óseo que lle foi diagnosticado cando tiña sete anos e que o obrigou a afrontar tratamentos complexos e numerosas intervencións cirúrxicas.

Durante a entrevista, o deportista reflexiona sobre a importancia de continuar investigando o cancro infantil, especialmente enfermidades pouco frecuentes como os sarcomas. A súa experiencia permite abordar as consecuencias físicas e emocionais que poden persistir tras superar unha enfermidade grave, así como o papel dos profesionais sanitarios e das familias durante todo o proceso.

A conversa tamén pon o foco no deporte adaptado e nas barreiras que aínda atopan as persoas con discapacidade para participar en igualdade de condicións nos distintos ámbitos da sociedade. Ademais, permite coñecer a faceta máis persoal do deportista, que actualmente estuda Enxeñaría Informática e compaxina a súa formación universitaria coa práctica do deporte de alto nivel.

'Plan A' é unha iniciativa de divulgación da UNED de Lugo vinculada á súa Oficina Verde, que busca promover a reflexión sobre os principais desafíos sociais desde a ciencia, a educación, a cultura e o territorio. Con este episodio, o centro reivindica a dimensión humana da investigación e a súa contribución á mellora da calidade de vida, ao tempo que reforza o seu compromiso coa sensibilización social e a inclusión.

A entrevista completa, correspondente ao episodio 1x05, está dispoñible desde este martes, 10 de novembro, na canle oficial de YouTube da UNED de Lugo.

0.15524387359619