A UNED de Lugo propón un taller de mindfulness e baño de bosque nas carballeiras das Terras do Miño

A UNED de Lugo organizará o vindeiro 21 de setembro o "Taller de Mindfulness e Baño de Bosque", unha proposta experiencial que combinará prácticas de atención plena coa conexión coa natureza. A actividade desenvolverase nunha plataforma situada nas carballeiras da Reserva da Biosfera Terras do Miño, no Paseo do Río Rato de Lugo, e terá como punto de encontro o Restaurante Terras do Miño ás 16:30 horas.
A sesión de mindfulness estará impartida por Marta Vales, mentres que o baño de bosque será guiado por Mercedes Rois. Ao longo da actividade, as persoas participantes realizarán diferentes exercicios centrados na respiración, o corpo, o movemento e os sentidos, co obxectivo de experimentar distintas formas de conexión consciente co contorno natural.
Tanto o mindfulness como os baños de bosque contan con respaldo científico e están asociados a diferentes beneficios para o benestar. Entre eles sitúanse a redución do estrés e a ansiedade, a mellora da regulación emocional, da concentración e do estado de ánimo, así como o aumento da sensación de calma e benestar.