A UNED de Lugo reúne especialistas internacionais para explorar novas formas de aprender en contacto coa natureza

A UNED de Lugo inaugurou as sesións presenciais do curso "Educación en la naturaleza y las aulas del futuro", unha proposta formativa que reúne profesionais da educación, investigadores e especialistas de diferentes universidades e iniciativas pedagóxicas para analizar como integrar a natureza nos procesos de aprendizaxe.
A directora do Centro Asociado da UNED en Lugo, Ana Belén Traseira Pena, e a directora da Cátedra UNESCO de Educación Ambiental e Desenvolvemento Sostible, María José Bautista-Cerro, deron a benvida ás persoas participantes e destacaron a importancia de avanzar cara a modelos educativos que incorporen a sustentabilidade, o respecto polo medio ambiente e o desenvolvemento integral da infancia.
Entre as asistentes destacan cinco profesionais chilenas que coordinan proxectos de educación na natureza e que se desprazaron expresamente a Lugo para participar presencialmente, malia ter a opción de seguir a formación en liña. A súa presenza reforza a dimensión internacional do curso e permite compartir experiencias e prácticas educativas desenvolvidas en diferentes territorios.
A iniciativa xurdiu da colaboración entre a UNED de Lugo e Bibiana Marful Castañal e María Mayorga Martín, creadoras e impulsoras da proposta. Ambas están vinculadas a Laboratorio Formativo e contan cunha ampla experiencia neste ámbito. Marful é cofundadora e coordinadora pedagóxica de Nenea, medrar creando, considerada a primeira escola na natureza de Galicia, ademais de profesora titora da UNED. Mayorga, pola súa banda, fundou In Natura, un proxecto centrado na conexión da infancia coa contorna natural. As dúas son tamén cofundadoras da Asociación Nacional de Educación na Natureza (EdNa).
O programa conta coa participación de docentes e especialistas da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) e da Universidade de Santiago de Compostela (USC), ademais de representantes de proxectos educativos nacionais e internacionais.
A sesión presencial deste luns comezou cunha conferencia inaugural do catedrático emérito da USC Uxío Otero Urtaza, centrada na historia da relación entre natureza e educación en España. Ao longo do curso tamén se abordan cuestións como a transformación das aulas, os valores educativos da paisaxe, a participación democrática da infancia e as posibilidades pedagóxicas dos espazos naturais.
Entre as experiencias destacadas figura Nenea, medrar creando, un proxecto galego pioneiro que aposta polo contacto directo coa natureza como parte fundamental da educación infantil.
A formación desenvólvese entre o 8 e o 23 de outubro, cun total de 20 horas lectivas e en modalidade híbrida. As persoas participantes poden asistir ás sesións nas instalacións da UNED de Lugo ou seguilas en liña, tanto en directo como en diferido.
O curso rematará o 23 de outubro cunha mesa internacional de expertas en natureza e educación, na que intervirán representantes de iniciativas de Galicia, Cataluña, Andalucía, Aragón e Ecuador. O encontro busca favorecer o intercambio de experiencias e coñecementos arredor de modelos educativos vinculados á sustentabilidade.
Esta proposta enmárcase no compromiso da UNED de Lugo coa innovación educativa e a educación ambiental, ámbitos relacionados tamén co proxecto institucional #LugoNaturalMente, orientado á sensibilización ambiental, á posta en valor do patrimonio natural e á promoción dun desenvolvemento territorial sostible.