A USC estrea a súa rede de calor con biomasa para reducir máis de dous millóns de quilos de CO₂ ao ano

GaliciaXa | LugoXa
A infraestrutura, cun investimento superior aos catro millóns de euros, abastecerá nove complexos universitarios e permitirá substituír os combustibles fósiles
Inauguración-central-de-biomasa-do-Campus-de-Lugo
17 Jun 2026

A Universidade de Santiago de Compostela puxo en marcha a nova Rede de Calor con Biomasa do Campus de Lugo, unha infraestrutura que permitirá abastecer de calefacción e auga quente sanitaria a nove complexos universitarios e vinte salas de caldeiras, ademais de reducir máis de dous millóns de quilogramos de CO₂ anuais e evitar preto do 93,75 % das emisións asociadas actualmente á calefacción dos edificios conectados.

A reitora da USC, Rosa Crujeiras, inaugurou esta nova instalación destacando que a iniciativa representa un paso adiante cara a unha universidade “máis sostible, máis eficiente e máis comprometida co seu contorno”. Segundo explicou, a posta en funcionamento deste sistema permite abandonar un modelo baseado en combustibles fósiles para adoptar outro sustentado nun recurso renovable e de proximidade como é a biomasa forestal.

Crujeiras sinalou que o Campus de Lugo conta agora cunha infraestrutura que o sitúa como referente na utilización de enerxías renovables para usos térmicos, reforzando a aposta da institución por un modelo universitario máis responsable. A reitora incidiu tamén en que esta actuación non só mellora o funcionamento actual da universidade, senón que constitúe unha aposta polo futuro da propia institución, do territorio e das próximas xeracións.

No acto inaugural participaron tamén o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande Ramudo; o vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade, Pablo Durán Santomil; o xerente da USC, Juan Díaz Villloslada; o deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o subdirector xeral de Enerxías Renovables, Juan A. Vidal Herrador; a decana da Facultade de Ciencias, Asteria Luzardo Álvarez; e representantes de FORESGA, entre eles Fernando Vargas Capilla, Iago Piñeiro Somoza e Fernando Solla-Gullón.

A infraestrutura responde á elevada demanda térmica existente no Campus de Lugo, onde distintos edificios próximos eran abastecidos ata agora mediante sistemas independentes alimentados con gasóleo e gas. Esta situación abría a posibilidade de reducir de maneira significativa tanto as emisións contaminantes como os custos derivados do consumo enerxético.

A actuación consistiu na construción dunha central térmica alimentada con acha forestal e dunha rede de calor subterránea encargada de distribuír a enerxía aos distintos inmobles conectados. A nova central integra cinco caldeiras e un silo con capacidade suficiente para subministrar simultaneamente enerxía a todos os centros incluídos na rede, cunha autonomía superior aos quince días. Tamén se habilitou unha área específica para a manobra e descarga dos camións encargados de transportar a biomasa.

Entre os obxectivos principais desta actuación figuran a implantación dun sistema de calefacción e auga quente sanitaria tecnicamente avanzado e sustentable, a substitución dos combustibles fósiles por unha fonte non contaminante, a redución das emisións de CO₂, a eliminación dos riscos asociados aos combustibles inflamables no interior de edificios especialmente sensibles, a diminución do ruído nas salas de caldeiras e unha mellora no rendemento enerxético. Ademais, a utilización dun combustible local favorecerá a creación de emprego na contorna e contribuirá á redución da dependencia exterior.

O investimento destinado a esta actuación superou os catro millóns de euros e contou co apoio da primeira convocatoria de programas de incentivos a proxectos de redes de calor e frío con fontes renovables, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.

Os edificios incluídos nesta rede son a Facultade de Veterinaria, o Instituto Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural, a Facultade de Administración e Dirección de Empresas, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, o Edificio Cactus, a Biblioteca Intercentros, o Complexo Docente, a Facultade de Ciencias e a Residencia Bal y Gay.

Pola súa banda, o deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou que esta infraestrutura supón “un avance relevante” na aposta pola sustentabilidade, a eficiencia e a cooperación institucional. Ademais, definiu a actuación como un paso importante na transición enerxética e subliñou o seu valor estratéxico para o Campus de Lugo polo impacto ambiental, económico e tamén polo seu potencial formativo e divulgativo.

0.12962508201599