A USC reabre o Pazo de Montenegro como sede institucional no centro de Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) reabre o Pazo de Montenegro como sede institucional en Lugo, recuperando a actividade administrativa no emblemático inmoble situado xunto á Muralla romana e fronte á Catedral.
O edificio volverá acoller desde esta semana a sede da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo e, no prazo dunhas semanas, tamén a da Vicerreitoría de Cultura, Lingua e Patrimonio, ademais da área administrativa vinculada á programación cultural universitaria. Pola súa banda, a Vicerreitoría de Innovación e Transferencia do Coñecemento manterá a súa localización no Edificio Administrativo do campus.
A decisión foi presentada pola reitora Rosa Crujeiras, que enmarcou a medida nunha nova etapa de reforzo do campus lucense e de maior conexión coa cidadanía. Crujeiras explicou que a reapertura figuraba entre os compromisos iniciais do programa co que concorreu ás recentes eleccións á Reitoría e defendeu que “reforzar Lugo é reforzar a USC”. Segundo indicou, o regreso ao centro histórico supón abrir unha etapa de maior presenza institucional, máis ambición e unha relación máis estreita coa sociedade lucense.
Durante o encontro informativo, no que estivo acompañada polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande; a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana; e o vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento, Marcelo Maneiro, a reitora asegurou que Lugo merece o mellor da súa universidade.
A responsable académica subliñou que o Pazo de Montenegro volve ser un espazo de traballo, xestión e proximidade institucional, ao tempo que se converte de novo nun punto de encontro entre a USC e a cidade, orientado ao diálogo, ao servizo público e á proxección de futuro.
Crujeiras incidiu en que a reapertura tamén leva consigo a recuperación e reforzo de distintos servizos universitarios considerados esenciais para a vida do campus e para a atención á comunidade universitaria. Ao seu xuízo, non se trata unicamente de abrir un inmoble, senón de recuperar funcionalidade, proximidade e capacidade de resposta institucional.
A reitora reivindicou ademais o Campus de Lugo como unha infraestrutura de grande potencial estratéxico, ligada ao territorio e cun papel relevante no desenvolvemento económico, social e cultural da provincia. Tamén puxo en valor a singularidade dun campus especializado con capacidade para xerar coñecemento útil, innovación e oportunidades.
Neste contexto, destacou o papel de Campus Terra, que definiu como unha ferramenta clave para a proxección e mellora da actividade universitaria, así como un exemplo de como a universidade pública pode contribuír ao progreso mediante investigación, transferencia e colaboración co tecido social e produtivo.
O Pazo de Montenegro fora inaugurado como sede institucional da USC en Lugo no ano 2002, durante o mandato do reitor Senén Barro Villanueva, e mantivo esa función ata 2022, cando o entón reitor Antonio López decidiu trasladar a actividade administrativa ao campus. Coa decisión anunciada agora, a universidade devolve a súa representación institucional ao centro da cidade, unha demanda recorrente na sociedade lucense.
REUNIÓN NA DELEGACIÓN DA XUNTA
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo o primeiro encontro institucional coa reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, e co vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande.
Durante a reunión, Arias trasladou a súa felicitación ao novo equipo reitor, ofreceu plena colaboración institucional e puxo en valor o compromiso da Xunta co Campus Terra, para o que vén de aprobar un novo convenio dotado con 4,7 millóns de euros.
O acordo busca avanzar na estratexia de especialización para o período 2026-2029, reforzando ámbitos como a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial.
Entre as actuacións previstas nesta nova etapa figura a posta en marcha do centro iTERRA, co obxectivo de consolidar Lugo como referente investigador no ámbito da saúde global. Tamén se recollen medidas para promover a imaxe da cidade como destino universitario, potenciar a oferta docente e captar novo alumnado.