A USC súmase a #CoidemosLugo a prol da sustentabilidade ambiental

LugoXa
O Campus Terra da USC súmase á iniciativa cidadá #CoidemosLugo a prol da sustentabilidade ambiental
limpeza amibiental lugo 1
14 Out 2021

O Campus Terra da USC súmase á iniciativa cidadá #CoidemosLugo a prol da sustentabilidade ambiental e convida á comunidade universitaria, así como ao resto da cidadanía a tomar parte na intervención de limpeza e de sensibilización ambiental que este colectivo lugués desenvolverá o vindeiro 24 de outubro nas ribeiras do río Miño ao seu paso polo barrio da Ponte.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, fixo visible este mércores o apoio do Campus Terra á acción de conservación medioambiental programada no lugués barrio da Ponte, ao participar xunto co responsable da Área Social do CB Breogán, Salva Arco, e co guía oficial de Turismo de Galicia Guido Álvarez Parga, Guido Guía, no lanzamento da décimo cuarta acción de sensibilización ambiental promovida por este movemento social lugués, cuxas pretensións están aliñadas coas do  Campus Terra no ámbito dos  Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), sinalou Valcárcel.

A implicación da USC neste tipo de acción orientada a reducir o impacto negativo que producen os residuos, tanto na cidade de Lugo como no resto do planeta, é un apoio moi importante para #CoidemosLugo, salientou Salva Arco, quen, alén de agradecer o respaldo institucional, fixo fincapé na relevancia de implicar especialmente á mocidade universitaria en propostas de educación e sensibilización ambiental.

Nesta mesma liña tamén se pronunciou Guido Álvarez, quen recoñeceu sentirse “feliz por sumar forzas coa USC e con toda a cidadanía que o desexe para seguir expandindo o máximo posible este movemento social tan especial e importante que é #CoidemosLugo”.

‘#CoidemosLugo’ conta xa cunha fonda pegada na cidade amurallada, na que, desde hai máis dun ano, os chamamentos feitos por este colectivo cidadán para recoller lixo teñense convertido nunha fórmula visible e eficaz de concienciar sobre un problema que nos afecta a toda a cidadanía e do que todos formamos parte, dado que a enorme cantidade de residuos que xeramos e que acaban tirados en calquera lugar, constitúe un ataque directo ao noso patrimonio e ao medio natural. 

Máis aló de ser unha acción de voluntariado ambiental pensada para facer partícipe á comunidade universitaria, esta nova acción de #CoidemosLugo tamén está aberta á participación de calquera persoa preocupada polo futuro do planeta e que decida contribuír activamente a rachar con hábitos negativos e pouco sustentables.

Para participar nesta nova acción de #CoidemosLugo, o alumnado universitario pode inscribirse no programa de voluntariado a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria. Deste xeito todo o estudantado inscrito terá a cobertura da póliza de seguro dos programas de voluntariado da USC e a súa colaboración poderá ser incluída dentro das actividades de recoñecemento académico naqueles casos que decida colaborar durante o curso 2021/22 cos requisitos establecidos para as actividades de voluntariado. 

A comunidade universitaria dispón de prazo para inscribirse nesta iniciativa a prol da sutentabilidade ambiental ata o mércores 20 de outubro. O acceso ao formulario está dispoñible a través do código QR que figura no cartaz ou ben desde o espazo web www.usc.gal/sepiu.

limpeza amibiental lugo
0.20025396347046