A veciñanza da Milagrosa denuncia a lentitude das obras do centro de saúde

LugoXa
As asociacións reclaman máis medios, prazos claros e transparencia tras dous anos sen este servizo sanitario esencial
centro-de-saúde-da-Milagrosa-obras
21 Apr 2026

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa e a Asociación Lugo en Pé... na Defensa do Rural expresaron a súa preocupación polo avance das obras do futuro centro de saúde da rúa Río Ser, no barrio lucense, ao considerar que o ritmo actual é “extremadamente lento” e insuficiente para responder ás necesidades da veciñanza.

Segundo explican, nos últimos meses realizaron un seguimento continuado dos traballos, acudindo á zona en distintos días e horarios, e detectaron unha actividade moi limitada. Aseguran que hai xornadas nas que non hai ningún operario, mentres que noutros casos apenas traballa unha ou dúas persoas, o que leva á percepción de que, a este ritmo, a infraestrutura podería non estar rematada ata o ano 2035, algo que cualifican de inaceptable tratándose dun servizo sanitario básico.

As entidades lembran que o centro de saúde de Río Ser pechou no ano 2024, polo que en breve cumpriranse dous anos sen este recurso asistencial. Durante este tempo, as arredor de 12.000 tarxetas sanitarias adscritas foron derivadas ao Vello Xeral, obrigando a milleiros de usuarios, especialmente persoas maiores ou con mobilidade reducida, a realizar desprazamentos máis longos, depender de familiares ou asumir gastos adicionais en transporte para acudir ás consultas médicas.

Neste contexto, sinalan que no barrio está moi estendida a percepción de que non existe interese en reabrir o centro e que as obras estarían a demorarse deliberadamente. Ante esta situación, reclaman ás administracións implicadas unha explicación pública e transparente que aclare as intencións e disipe as dúbidas existentes entre a cidadanía.

As asociacións subliñan que, tras dous anos de peche, o estado actual das obras, segundo as imaxes tomadas o mércores 15 de abril de 2026, amosa unicamente a estrutura do antigo Hospital do Doutor Plácido Vila, sen avances significativos nin indicios dun ritmo acorde coa urxencia sanitaria e social do barrio.

Por iso, demandan unha resposta inmediata que inclúa a axilización dos traballos, o incremento do persoal e dos medios destinados á execución, a elaboración dun calendario público e realista de finalización e a garantía de transparencia sobre o futuro do centro, así como o compromiso firme de que volverá funcionar como centro de saúde. As entidades conclúen lembrando que a Milagrosa leva dous anos agardando e que a saúde da veciñanza non pode demorarse máis.

0.1082751750946