A veciñanza da Milagrosa denuncia a paralización das obras da residencia de maiores de Curros Enríquez

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa denuncia a lentitude das obras da Residencia de Maiores da rúa Curros Enríquez e expresa a súa preocupación pola falta de avances. A entidade asegura que os traballos progresan a un ritmo moi lento e que, desde hai varias semanas, observa unha situación de "inactividade absoluta" que xera indignación e malestar no barrio e entre as persoas usuarias do centro.
Ante esta situación, a asociación interpela directamente ao delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Alfonso Villares, a quen pregunta publicamente que está a suceder co proxecto, por que as obras avanzan tan amodo e cal é o motivo desta prolongada falta de actividade.
A entidade veciñal reclama "transparencia, claridade e compromisos firmes" por parte da Administración autonómica e pide que se deixen atrás as explicacións e os silencios para que os traballos se retomen con actividade e maquinaria en funcionamento.