A veciñanza da Milagrosa pide ao Concello de Lugo actuar ante o estado dos solares sen edificar

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa trasladou ao Concello de Lugo o resultado dunha revisión realizada nos últimos días sobre o estado de varios solares sen edificar situados no barrio e nas zonas próximas. A entidade asegura que o traballo permitiu identificar diferentes incidencias relacionadas co peche e co mantemento das parcelas.
A inspección realizouse a raíz do bando da Alcaldía de Lugo sobre a limpeza, conservación e xestión da biomasa en parcelas e solares do municipio. Segundo explica a asociación, o obxectivo é contribuír á mellora das condicións de salubridade, seguridade e convivencia na contorna da Milagrosa.
Entre as situacións detectadas aparecen, por unha banda, solares que non dispoñen dun peche conforme á normativa, xa sexa porque carecen de valado ou porque este se atopa deteriorado ou resulta insuficiente. Por outra, tamén se localizaron parcelas que si contan cun peche adecuado, pero que presentan unha acumulación importante de maleza e biomasa.
A asociación considera que estas circunstancias poden favorecer a aparición de problemas de insalubridade, a proliferación de pragas e a acumulación de residuos, ademais de afectar á imaxe do barrio. Tamén advirte do posible incremento do risco de incendios durante determinadas épocas do ano debido á presenza de vexetación sen manter.
Ante esta situación, a entidade solicita ao Concello que contacte cos propietarios das parcelas afectadas para que cumpran coas obrigas establecidas pola normativa. Así mesmo, pide que, cando os titulares non atendan os requirimentos municipais, se recorra á execución subsidiaria dos traballos de limpeza e mantemento nos casos nos que a lexislación o permita.
A asociación reclama ademais que os gastos derivados destas actuacións sexan posteriormente repercutidos aos propietarios responsables das parcelas.
A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa sinala que continuará traballando pola mellora das condicións do barrio e confía en que o Concello adopte as medidas necesarias para solucionar unhas situacións que, segundo apunta, teñen unha incidencia directa na calidade de vida da veciñanza.