A veciñanza da Milagrosa reclama eliminar o estreitamento entre as rúas Mazaira e Juana la Loca

LugoXa
A asociación veciñal propón ampliar o paso, trasladar os postes eléctricos e incluír a actuación nos orzamentos municipais de 2026 ou 2027
tapón-tráfico-rúas-Mazaira-e-Juana-la-Loca-Lugo
11 Aug 2026

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa solicitou ao Concello de Lugo unha actuación para ampliar o estreitamento existente ao final da rúa Mazaira, na súa conexión coa rúa Juana la Loca, un punto que considera estratéxico para a mobilidade de varios barrios da cidade.

Segundo a entidade, o paso actual converteuse nunha importante limitación para a circulación de vehículos e peóns, xerando dificultades de acceso e problemas de mobilidade que afectan diariamente á veciñanza. A asociación asegura que este punto funciona como un "tapón" urbano que ralentiza os desprazamentos e condiciona o funcionamento normal dunha das conexións máis utilizadas da zona.

O colectivo advirte ademais de que a configuración actual complica o paso de vehículos de emerxencia, servizos municipais, transporte de mercadorías e repartos, unha situación que, segundo sinala, se vén arrastrando desde hai anos sen que se adoptase unha solución definitiva.

A asociación destaca que este acceso é utilizado habitualmente polos residentes da Piringalla e da Milagrosa para dirixirse ao Castiñeiro e á estrada de Santiago, mentres que tamén é unha vía frecuente para os desprazamentos en sentido contrario. Por este motivo, considera que a eliminación deste estrangulamento viario beneficiaría a milleiros de persoas e melloraría a fluidez do tráfico entre distintos barrios da cidade.

Entre as propostas trasladadas ao Concello figura a redacción dun proxecto técnico para ampliar o paso existente, incluíndo as expropiacións que resulten necesarias para executar a obra. Tamén reclama a retirada e recolocación dos postes eléctricos que actualmente condicionan a actuación, en coordinación coa empresa subministradora e cos servizos municipais.

A entidade veciñal pide igualmente que esta intervención sexa incorporada aos orzamentos municipais de 2026 ou 2027 para garantir a súa execución e evitar novos atrasos nunha actuación que considera prioritaria.

A asociación defende que a obra debería integrarse dentro das actuacións de rexeneración urbana previstas para a Milagrosa, un barrio que, segundo lembra, leva anos demandando melloras estruturais relacionadas coa accesibilidade, a seguridade viaria e a modernización dos seus espazos públicos.

0.1317138671875