A veciñanza de Castelo mantén a demanda dunha marquesiña de transporte público á Xunta

A veciñanza de Castelo continúa reclamando á Xunta de Galicia a colocación dunha marquesiña de transporte público, unha demanda que se mantén no tempo e que cobra especial importancia coa chegada das choivas.
O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo unha reunión cos residentes da zona, na que lembrou que xa durante o verán o Concello trasladara esta petición á administración autonómica, advertindo da necesidade de que os usuarios poidan agardar polo transporte público en condicións axeitadas e sen verse afectados polo mal tempo.
Arroxo explicou que a marquesiña en cuestión fora instalada no seu día pola propia Xunta de Galicia e que, por tanto, a súa colocación corresponde a esta administración, aínda que a parada fose utilizada para o transporte urbano. Segundo detallou, foi a Xunta quen retirou a infraestrutura, polo que considera necesario que cada administración asuma as súas responsabilidades, do mesmo xeito que o Goberno de Lugo habilita e se fai cargo do mantemento das paradas de transporte interurbano cando é preciso.
O tenente de alcalde asegurou tamén que, de tratarse dunha infraestrutura de titularidade municipal, a situación xa estaría solucionada desde o verán e a marquesiña xa estaría instalada, tal e como solicita a veciñanza. Neste sentido, lembrou que se trata dun ben propiedade da Xunta de Galicia e que a propia Lei 8/2013, de Estradas de Galiza, define como dominio público viario tanto as estradas de titularidade da Comunidade Autónoma ou das entidades locais como os terreos ocupados polos elementos funcionais destas vías. As marquesiñas, segundo esta normativa, están consideradas elementos funcionais, polo que o seu mantemento corresponde igualmente á administración autonómica.
Rubén Arroxo subliñou que o Concello segue traballando na ampliación do mobiliario urbano, atendendo as solicitudes da veciñanza e buscando mellorar a imaxe da cidade, ao tempo que expresou o seu desexo de que a Xunta de Galicia actúe con axilidade para asumir unha intervención que é da súa responsabilidade, evitando así que unha zona cunha elevada densidade de poboación perda servizos básicos.