A veciñanza de Lugo denuncia o estado das instalacións deportivas do complexo O Palomar

A veciñanza de Lugo volve poñer o foco no estado das instalacións deportivas do complexo O Palomar, situado a escasos metros do estadio Anxo Carro, onde se atopan tres pistas de tenis e dúas mesas de ping pong. Usuarios habituais destas instalacións públicas denuncian o deterioro progresivo dun espazo que durante anos foi utilizado por numerosos afeccionados ao deporte.
Coa chegada do verán e o incremento das actividades ao aire libre, varios usuarios aseguran que cada vez son máis as persoas que optan por abandonar estas instalacións debido ás condicións nas que se atopan. Segundo indican, moitos lucenses que antes acudían con frecuencia ao recinto deixaron de facelo pola falta de mantemento e polo estado das infraestruturas.
Os usuarios agradecen a existencia dun espazo público destinado á práctica do tenis e do ping pong, pero consideran que non ten sentido dispoñer deste tipo de instalacións sen un mantemento adecuado. Entre as principais deficiencias sinalan o mal estado do firme, que aseguran xa provocou caídas entre afeccionados e xogadores, así como o deterioro do peche perimetral, que presenta zonas oxidadas.
A situación xa fora denunciada no pasado polo Partido Popular cando se atopaba na oposición. No mes de decembro de 2025, a formación criticaba o estado das pistas do Palomar e advertía dos riscos que a situación podía representar para a seguridade das persoas usuarias. Ademais, lembraban que no mes de abril dese mesmo ano rexistraran unha solicitude para acometer actuacións de mellora nas tres pistas existentes, unha proposta que foi trasladada para o seu debate na comisión municipal correspondente.
Segundo denunciaba entón o PP, a intervención realizada limitouse unicamente á reparación dunha das canchas, mentres que as outras dúas continuaban presentando un pavimento moi deteriorado e cuberto de verdín, unha situación que favorecía os esvaróns e as caídas. A formación tamén advertía de que a pista supostamente reparada seguía presentando problemas de seguridade debido á existencia dun desnivel entre a superficie de xogo e o peche que a rodea. Ademais da reparación do firme, o Partido Popular reclamaba tamén a mellora do peche perimetral, a revisión das redes das pistas e un reforzo na recollida de residuos.
Agora, parte da veciñanza pregúntase se estas actuacións, reclamadas anteriormente desde a oposición, pasarán a formar parte das prioridades do actual mandato municipal, especialmente durante unha época do ano na que aumenta o uso das instalacións deportivas ao aire libre.
