A Vicepresidencia da Deputación de Lugo ampliará o aforo do Pazo dos Deportes con 116 novos asentos

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo adxudicou a reforma do palco do Pazo Provincial dos Deportes, unha actuación que permitirá poñer a disposición do público xeral 116 novos asentos. Os traballos contarán cun investimento de 47.000 euros e consistirán na reorganización da grada situada na contorna do actual palco, reducindo as súas dimensións para incrementar o número de prazas dispoñibles de cara á próxima temporada.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, destacou que a institución continúa avanzando na modernización do Pazo dos Deportes mediante investimentos continuos nas instalacións e lembrou o compromiso adquirido coa execución inmediata desta actuación para habilitar as novas localidades antes do inicio da seguinte campaña deportiva.
A remodelación do palco enmárcase dentro das actuacións previstas no estudo de ampliación do Pazo dos Deportes presentado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo o pasado mes de maio. O proxecto contempla a creación dunha nova estrutura perimetral no exterior do edificio, á altura da terceira planta, coa finalidade de habilitar novos corredores de distribución e destinar os actuais espazos a novas gradas fixas. Esta intervención permitiría aumentar a capacidade total da instalación en arredor de 1.000 prazas adicionais.
O informe técnico, que cifra en 13 millóns de euros o investimento necesario para desenvolver esta reforma integral, foi remitido o pasado 9 de xuño á Xunta de Galicia, ao Concello de Lugo e ao Consello Superior de Deportes para que as diferentes administracións poidan analizar o proxecto e valorar a súa participación na execución das obras.
A actuación sobre o palco de autoridades supón un novo avance dentro do proceso de actualización das instalacións deportivas provinciais impulsado nos últimos anos. Entre as melloras xa executadas atópanse a renovación dos asentos do anel inferior e da iluminación, actuacións destinadas a mellorar a accesibilidade exterior do edificio, traballos de pulido, vernizado e pintado da pista, a limpeza integral da fachada, a instalación de varandas nas escaleiras de acceso, a impermeabilización da cuberta e a colocación dun videomarcador.
Estas actuacións no Pazo dos Deportes complétanse con outras intervencións realizadas no Anexo, como a renovación do parqué da pista e a construción de novos vestiarios para os usuarios e usuarias desta instalación. O conxunto destas actuacións supuxo un investimento próximo aos dous millóns de euros.