A Vicepresidencia da Deputación de Lugo licitará a redacción do proxecto para ampliar o Pazo dos Deportes

LugoXa
Efrén Castro anuncia o inicio do procedemento tras unha reunión coa Xunta e o Concello de Lugo, mentres reclama concretar a súa implicación e lamenta a ausencia do Consello Superior de Deportes
reunión-ampliación-Pazo-dos-Deportes-Lugo
3 Sep 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo iniciará o procedemento para licitar a redacción do proxecto de ampliación do Pazo dos Deportes, segundo anunciou o vicepresidente provincial, Efrén Castro, tras a reunión interinstitucional celebrada no Pazo de San Marcos.

A redacción do proxecto seguirá as liñas establecidas no estudo de viabilidade técnica elaborado pola empresa Desmonts Sierra. A proposta contempla a construción dunha nova estrutura perimetral no exterior do edificio, á altura da terceira planta.

Esta actuación permitiría crear novos corredores de distribución e liberar os espazos que actualmente ocupan estas funcións para instalar gradas fixas. Deste xeito, a capacidade do recinto podería incrementarse en 1.000 prazas.

O vicepresidente explicou que a redacción do proxecto deberá ter en conta a necesidade de compatibilizar o desenvolvemento da actividade deportiva coa execución das obras, seguindo o mesmo criterio aplicado no estudo de viabilidade técnica.

O informe estima en 13 millóns de euros o custo da ampliación. O estudo foi presentado publicamente o 27 de maio e remitido ás diferentes administracións o 9 de xuño.

No encontro participaron o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, a deputada Iria Castro, o secretario xeral para o Deporte, Roberto García; a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; o concelleiro de Deportes de Lugo, Damián Carballo, e a deputada provincial Iria Castro. O Consello Superior de Deportes (CSD), que fora convocado o pasado 30 de xullo, non participou na xuntanza.

Efrén Castro valorou a "boa vontade" mostrada pola Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para colaborar no proxecto, aínda que lamentou a "falta de concreción", que vinculou á ausencia do CSD. O vicepresidente asegurou que a Deputación continuará traballando para incorporar o Goberno do Estado á iniciativa e concretar un compromiso firme das diferentes administracións, pero decidiu avanzar na licitación para evitar prolongar o debate sobre a ampliación da instalación.

"Nós tamén cremos que o CSD debe participar e seguiremos tratando de manter reunións co Goberno do Estado para que se sume a este proxecto e de concretar un compromiso firme da Xunta e do Concello, pero non queremos engancharnos nun debate eterno, como pasou outras veces con esta instalación", afirmou.

0.15864610671997