A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000 euros ao Concello para apoiar a organización do San Froilán 2026

LugoXa
A achega destinarase a reforzar a presenza da cultura tradicional e da lingua galega na programación das festas lucenses
San-Froilán-Lugo-2025
4 Aug 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo ofrecerá ao Concello de Lugo unha achega de 50.000 euros para colaborar na organización do San Froilán 2026. A proposta foi trasladada á administración local en resposta a unha solicitude de colaboración institucional rexistrada polo propio Concello.

A deputada de Cultura, Iria Castro, explicou que a petición foi atendida de maneira inmediata e que a institución provincial comunicou xa o seu compromiso económico para contribuír ao desenvolvemento das festas. Segundo indicou, a intención é facilitar a organización dun dos eventos festivos máis importantes de Galicia.

Castro destacou o apoio continuado da Vicepresidencia da Deputación á actividade cultural da cidade de Lugo, lembrando a colaboración que mantén con iniciativas consolidadas como a tempada de concertos da Sociedade Filarmónica, o Festival de Jazz ou a Semana do Cine. Neste sentido, sinalou que a contribución ao San Froilán reforza esa liña de respaldo ás principais programacións culturais da capital lucense.

A responsable provincial subliñou ademais que a cantidade comprometida supera amplamente as achegas realizadas nos últimos anos por outras institucións para a organización das festas. Ao seu xuízo, o San Froilán constitúe unha das grandes celebracións do outono galego e un escaparate privilexiado para a promoción da cultura e da lingua propias.

A área de Cultura da Deputación xa trasladou ao Concello a súa disposición para iniciar a elaboración dun convenio interadministrativo que permita canalizar a subvención e axilizar os trámites necesarios. O obxectivo é que os fondos contribúan a potenciar a presenza da cultura tradicional galega e o uso da lingua galega dentro da programación festiva.

0.12300586700439