A Volta do Agro de Lugo celebra o seu festival Zumbanocoiro este sábado

A Asociación de Cultura Tradicional A Volta do Agro de Lugo celebra o seu festival Zumbanocoiro este sábado, 24 de maio, na Praza Santa María.
Esta iniciativa ten como obxectivo celebrar o 30 aniversario do colectivo tradicional, así como recuperar un festival de música tradicional galega que se facía hai anos e deixouse de facer, e agora para ofrecerllo á sociedade luguesa como unha oportunidade de desfrutar da música galega no panorama actual.
Os tres grupos que participarán son Ailá, un grupo de música de Santiago de Compostela que emerxe das foliadas na Casa das Crechas e que ofrecerá unha proposta inspirada no respecto á tradición e á música patrimonial galega, pero mesturada con aromas, ritmos e cores doutros lugares e doutras culturas; Tiruleque, composto por cinco rapaces da Coruña procedentes da música tradicional que comparten as súas inquedanzas, mesturarando un repertorio baseado en recollidas e cancioneiros tradicionais con outras moitas influencias e pezas propias; e Aliboria, un colectivo de novos músicos galegos, dirixidos por Xosé Lois Romero, que reinventan os cantos e os ritmos enxebres de Galicia conxuntando as potentes voces das súas cantantes con anovadores arranxos para percusión tradicional cheos de forza, raza e terra.
Desde A Volta do Agro animan a toda a veciñanza de Lugo a participar deste festival gratuíto no que a música tradicional galega será a protagonista.