A Volta do Agro de Lugo recupera o seu festival Zumbanocoiro e celébrao en maio

LugoXa
Esta iniciativa ten como obxectivo celebrar o 30 aniversario do colectivo tradicional, así como recuperar un festival de música tradicional galega que se facía hai anos
Zumbanocoiro-A-Volta-do-Agro-cartel
9 Apr 2025

A Asociación de Cultura Tradicional A Volta do Agro de Lugo recupera o seu festival Zumbanocoiro, que celebrarán o vindeiro 24 de maio na Praza Santa María.

Esta iniciativa ten como obxectivo celebrar o 30 aniversario do colectivo tradicional, así como recuperar un festival de música tradicional galega que se facía hai anos e deixouse de facer, e agora para ofrecerllo á sociedade luguesa como unha oportunidade de desfrutar da música galega no panorama actual.

Así, xa confirmaron os tres grupos que participarán; Ailá, un grupo de música de Santiago de Compostela que emerxe das foliadas na Casa das Crechas e que ofrecerá unha proposta inspirada no respecto á tradición e á música patrimonial galega, pero mesturada con aromas, ritmos e cores doutros lugares e doutras culturas; Tiruleque, composto por cinco rapaces da Coruña procedentes da música tradicional que comparten as súas inquedanzas, mesturarando un repertorio baseado en recollidas e cancioneiros tradicionais con outras moitas influencias e pezas propias; e Aliboria, un colectivo de novos músicos galegos, dirixidos por Xosé Lois Romero, que reinventan os cantos e os ritmos enxebres de Galicia conxuntando as potentes voces das súas cantantes con anovadores arranxos para percusión tradicional cheos de forza, raza e terra.

Desde A Volta do Agro animan a toda a veciñanza de Lugo a participar deste festival gratuíto no que a música tradicional galega será a protagonista.

⚙ Configurar cookies
0.082301139831543