A Xove Orquestra de Lugo Terranova abre unha segunda convocatoria para participar no CEO 2026

A Xove Orquestra de Lugo Terranova abriu unha segunda convocatoria de inscricións, que permanecerá aberta ata o 17 de xullo, para completar as últimas prazas dispoñibles no Curso de Especialización Orquestral (CEO) 2026, que se celebrará entre os días 24 e 29 de agosto.
O CEO é unha iniciativa formativa dirixida a novos músicos procedentes de diferentes puntos de España, que durante unha semana terán a oportunidade de perfeccionar a súa formación baixo a dirección e o asesoramento dun equipo de profesores de primeiro nivel. O programa inclúe clases especializadas, ensaios e traballo orquestral intensivo, cun enfoque centrado na interpretación colectiva e no desenvolvemento artístico dos participantes.
Ademais da formación académica, o curso contará con diferentes actividades abertas ao público en varios espazos da cidade de Lugo, entre elas ensaios e actuacións que permitirán achegar o traballo desenvolvido polos alumnos á cidadanía. A programación culminará cun concerto final no que os participantes interpretarán o repertorio preparado ao longo da semana.
Nesta segunda convocatoria, a organización busca cubrir unha praza de frauta/frautín, dúas de trompa, dúas de trompeta, unha de trombón baixo, unha de tuba, tres de percusión e novas incorporacións na sección de corda ata completar o cadro orquestral, aínda que o posto de concertino xa está cuberto. Tamén se oferta unha praza activa para o curso de Introdución á Batuta, ademais de prazas ilimitadas para oíntes nesta especialidade.