A Xove Orquestra Terra Nova iniciará en San Froilán o seu programa de concertos desta tempada

O Concello de Lugo colabora coa Xove Orquestra de Lugo Terra Nova na súa nova tempada 2026-2027, presentada hoxe na Casa do Concello, e participa no financiamento de varias das citas que forman parte da programación.
A presentación contou coa participación da nova presidenta da agrupación, Marta García Alvariño, do director artístico, Nicolás Ravelli Barreiro, e César Fouce coordinador de percusión e de Redes Sociales, ademais do concelleiro de Cultura e da alcaldesa de Lugo.
A nova tempada leva por título “Da Capo”, en referencia á expresión italiana “da capo”, utilizada na linguaxe musical para indicar o regreso ao comezo. Unha formulación que Terra Nova emprega como fío condutor dunha programación coa que a formación afronta o seu cuarto ano de actividade e unha nova etapa coa súa recente renovación da directiva.
A primeira proposta da tempada será en outubro, con Terra Nova con La Vera Notte, nunha actuación en formato DJ sinfónico que permitirá á formación explorar un formato diferente e achegar a música sinfónica a unha experiencia musical distinta. Este concerto será o seis de outubro ás nove da noite na praza de Santa María.
En decembro chegará o Concerto de Nadal, unha cita especialmente significativa para Terra Nova, xa que a agrupación naceu precisamente cun concerto de Nadal e este ano cumpre catro anos.
A formación interpretará a Suite do ballet O crebanoces, de Tchaikovsky, unha das obras máis representativas da música asociada ao Nadal, e contará coa participación como solista de Nikita Burzanistsa.
Durante os meses de novembro e decembro desenvolverase un concurso de solistas que contará con dúas prazas: unha reservada para unha persoa integrante de Terra Nova e outra para o gañador ou gañadora doutra agrupación.
Os dous seleccionados participarán posteriormente no Concerto de Solistas, que contará tamén coa presenza do solista convidado Maksym Artemenko, que interpretará o Concerto para piano e orquestra nº 2 en Do menor, Op. 18 de Sergei Bachmaninou.
Primeira incursión na ópera
Outra das novidades da tempada chegará no concerto de peche, previsto para xuño, no que Terra Nova interpretará por primeira vez unha peza de ópera: Così fan tutte, K. 588, de Mozart.
A incorporación deste repertorio supón un novo reto artístico para a formación e amplía as propostas musicais da agrupación.
A programación completarase en agosto cunha nova edición do Curso de Especialización Orquestral, dando continuidade á vertente formativa de Terra Nova.
Ademais, por segundo ano consecutivo, Terra Nova foi seleccionada como agrupación para participar como cuarteto nas actividades organizadas ao abeiro de Candlelight, dando continuidade así á presenza da formación neste programa.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, felicitou a agrupación polos seus catro anos de actividade e á nova directiva, encabezada por Marta García Alvariño:
“Quero felicitar a Terra Nova polos seus catro anos de vida. En moi pouco tempo conseguiron crear un proxecto musical con identidade propia e con ganas de seguir medrando.” Candia destacou tamén a variedade da programación:“Esta tempada presenta propostas diferentes e novos retos para a formación. Desde o DJ sinfónico ata o Concerto de Nadal, o concurso de solistas ou a incorporación por primeira vez dunha peza de ópera, hai moitas oportunidades para seguir aprendendo, experimentando e medrando.”
“Para o Concello é importante estar ao lado dos proxectos culturais que nacen e medran na nosa cidade. Terra Nova está creando oportunidades de formación e de interpretación para os seus músicos, e queremos seguir participando no financiamento de varias das súas propostas e acompañando este traballo.”