Activada a alerta laranxa por fortes chuvias na montaña de Lugo e Ourense e no sur lucense

GaliciaXa | LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Segundo os datos da AEMET, durante a xornada deste mércores espéranse acumulacións de ata 30 litrosor metro cadrado nun período dunha hora nas áreas afectadas
chuvia-paraugas
17 Jun 2026

A Xunta de Galicia decretou a activación da alerta laranxa por fortes precipitacións para este mércores nas zonas da montaña de Lugo, o sur da provincia lucense e a montaña de Ourense, ante as previsións meteorolóxicas que apuntan a episodios de choiva intensa.

Segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), espéranse acumulacións de ata 30 litros por metro cadrado nun período dunha hora nas áreas afectadas. Ante esta situación, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, trasladou a información aos concellos implicados, ás deputacións, aos servizos provinciais, ás agrupacións de voluntariado de Protección Civil e tamén a outras entidades como os clubs náuticos.

Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela. No sur de Lugo, a alerta afecta a Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e Taboada.

Pola súa banda, na provincia de Ourense, a alerta afecta á montaña, cun total de 19 municipios en alerta: O Bolo, Carballeda de Valdeorras, O Castro de Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, O Riós, San Xoán de Río, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo.

Como medida preventiva, a Comisión Escolar de Alertas acordou a suspensión das actividades escolares ao aire libre durante a xornada do mércores 17 de xuño, entre as 13.00 e as 00.00 horas, nos municipios incluídos nas tres zonas afectadas pola alerta.

Tamén a Secretaría Xeral para o Deporte decidiu interromper durante ese período a actividade deportiva federada e a correspondente ao programa Xogade que se desenvolva no exterior. Desta medida quedan excluídas as disciplinas náuticas e acuáticas federadas.

Desde a Administración autonómica faise un chamamento á cidadanía para extremar as precaucións, especialmente nos desprazamentos por estrada. Recoméndase consultar previamente o estado das vías, evitar atravesar zonas anegadas ou susceptibles de inundación e non estacionar vehículos nas proximidades dos ríos.

A Xunta lembra ademais a conveniencia de seguir a evolución meteorolóxica e a información actualizada a través da páxina do CIAE 112 Galicia.

0.12718200683594