A Xunta aproba a ampliación do parque empresarial do Corgo para licitar as obras en 2027

LugoXa
A actuación permitirá sumar 203.089 metros cadrados de solo industrial cun investimento estimado de 11,6 millóns de euros e elevará a superficie total do polígono ata os 347.248 metros cadrados
mapa-ampliación-polígono-do-Corgo
6 Oct 2026

O Consello da Xunta aprobou definitivamente como Proxecto de Interese Autonómico a ampliación do parque empresarial do Corgo, unha actuación que permitirá incorporar 203.089 metros cadrados de nova superficie industrial e que ten como obxectivo licitar as obras ao longo do vindeiro ano.

O parque empresarial, promovido pola Xunta de Galicia, dispón actualmente de 144.159 metros cadrados e ten xa a totalidade das súas parcelas vendidas. Coa ampliación, a superficie total da infraestrutura alcanzará os 347.248 metros cadrados. O investimento previsto para executar os traballos sitúase nos 11,6 millóns de euros.

O proxecto contempla a construción dun novo viario paralelo ao principal, así como a prolongación dos viais existentes para dar servizo ás novas parcelas. Tamén se habilitarán zonas verdes e espazos libres e reservarase unha parcela para equipamentos públicos.

A actuación inclúe ademais a creación de 1.138 prazas de aparcamento, das que 319 serán de carácter público.

Tras a aprobación definitiva do proxecto, a Administración galega iniciará o procedemento de expropiación dos terreos. Paralelamente, está a traballar no proxecto de urbanización coa intención de axilizar ao máximo os prazos necesarios para o desenvolvemento da ampliación.

A ampliación do parque empresarial do Corgo forma parte dos distintos proxectos de desenvolvemento de solo industrial que a Xunta promove na provincia de Lugo. En conxunto, estas actuacións suman 1,5 millóns de metros cadrados de novo solo empresarial e representan un investimento de 68 millóns de euros.

0.1213481426239