A Xunta cede ao Concello de Lugo o aparcadoiro disuasorio da Avenida de Breogán

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou co alcalde de Lugo, Miguel Fernández, o convenio de colaboración para a cesión do aparcadoiro disuasorio promovido pola Xunta na contorna da Avenida de Breogán.
Coa formalización deste acordo, o Concello asumirá a explotación, mantemento, conservación e o resto de dereitos e obrigas inherentes á súa titularidade. No acto tamén participaron a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
A Xunta destinou un investimento de case 1,2 millóns de euros á construción deste aparcadoiro, financiado con fondos europeos Next Generation ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O novo espazo permitirá dotar o barrio da Residencia de 148 novas prazas de estacionamento, catro delas reservadas para persoas con mobilidade reducida.
O aparcadoiro sitúase preto de servizos fundamentais para a veciñanza, como o Centro Integral de Saúde, a oficina de emprego e a residencia de maiores, facilitando o estacionamento ás persoas usuarias destes servizos.
Diego Calvo puxo en valor esta actuación, que cualificou de moi necesaria para os veciños e veciñas, ao permitir contar cun punto de encontro onde deixar os vehículos de maneira segura e compartir coche con outros condutores que se dirixan ao mesmo destino. Segundo sinalou, a creación de aparcadoiros disuasorios en puntos estratéxicos exemplifica o compromiso do Goberno galego coa mobilidade sostible.
Ás 148 prazas da Avenida de Breogán súmanse na cidade lucense as máis de 30 postas a disposición da cidadanía o pasado agosto na área de estacionamento do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes. Ademais, está previsto que proximamente entre en funcionamento outro aparcadoiro disuasorio con arredor dunha trintena de prazas no instituto Lucus Augusti.