A Xunta cederá ao Concello da Fonsagrada un tramo da LU-730 para avanzar na humanización da rolda

LugoXa
O Goberno galego investirá preto de 200.000 euros nas actuacións previstas nunha das principais vías da vila
vista-aerea-fonsagrada
12 May 2026

O Consello da Xunta autorizou o proxecto de decreto que permitirá o cambio de titularidade dun tramo de 481 metros da estrada LU-730 a favor do Concello da Fonsagrada. O treito afectado corresponde á coñecida como rolda da Fonsagrada, integrada no tecido urbano do municipio, e inclúe tamén o dominio público viario asociado.

A medida chega despois do acordo asinado o pasado mes de abril entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello da Fonsagrada para impulsar a humanización desta travesía, unha vía que estrutura boa parte do casco histórico da localidade e pola que discorre, practicamente na súa totalidade, o trazado urbano do Camiño Primitivo de Santiago-Camiño Norte, ruta interior.

As actuacións previstas desenvolveranse no tramo comprendido entre o punto quilométrico 0 e a intersección coa estrada LU-530. Segundo o convenio subscrito entre ambas administracións, a Xunta achegará preto de 200.000 euros para financiar os traballos, mentres que o Concello asumirá a licitación e execución das obras.

O acordo contempla tamén que a administración local acepte a transferencia da titularidade do tramo da LU-730 situado entre os puntos quilométricos 0+070 e 0+550, na conexión coa LU-530, coñecida como avenida de Galicia, xunto co correspondente dominio público viario.

Quedará fóra desta cesión o tramo inicial da estrada, entre os puntos 0+000 e 0+070, correspondente ao nó viario coa LU-530, que pasará a integrarse no dominio público desta última vía autonómica.

A tramitación desta transferencia realízase ao abeiro da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece que este tipo de cambios de titularidade deben aprobarse mediante decreto da Xunta, por proposta da Consellería competente en materia de infraestruturas e tras o acordo entre as administracións implicadas.

Coa formalización deste cambio, o Concello da Fonsagrada pasará a ter competencias plenas sobre este tramo da estrada, asumindo tanto a súa conservación como as tarefas de mantemento.

0.1235179901123