A Xunta celebra o Día do Libro en Lugo cunha programación cultural na Biblioteca Pública

LugoXa
A proposta inclúe música, literatura e teatro, ademais da entrega de 200 libros para a biblioteca do HULA
biblioteca-publica-lugo
22 Apr 2026

A Xunta de Galicia conmemora o Día do Libro cunha ampla programación cultural na Biblioteca Pública de Lugo, que inclúe actividades para todos os públicos con música, literatura e teatro.

Na propia xornada do Día do Libro, mañá xoves, o salón de actos da Biblioteca acollerá ás 19:00 horas un concerto do Coro do Hospital de Lugo. A agrupación ofrecerá un repertorio que vai desde clásicos da tradición galega ata temas do resto de España e de países de América Latina.

Tras o concerto, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación do libro ‘1140’, de María José Tardáguila. Trátase dunha novela histórica ambientada no Camiño de Santiago do século XII, na que peregrinos, cabaleiros templarios e habitantes locais afrontan desafíos, perigos e a busca da redención nun contexto de fe e misterio. Ambos os dous actos serán de acceso libre ata completar aforo.

Como parte da celebración, a Biblioteca Pública de Lugo realizará ademais a entrega dun lote de 200 libros destinado a ampliar o catálogo da biblioteca do HULA, co obxectivo de reforzar a promoción da lectura e contribuír a facer máis levadeira a estancia das persoas ingresadas no hospital.

A programación completarase o sábado 25 ás 12:00 horas co espectáculo ‘A historia do coelliño branco’, a cargo de Bea Campos, de Migallas Teatro. Trátase dunha adaptación teatral dun conto popular portugués dirixida a público infantil a partir dun ano.

0.1125500202179