A Xunta de Goberno de Lugo adxudica as carrozas da Cabalgata de Reis 2026

A Xunta de Goberno Local celebrou unha sesión na que se adoptaron distintos acordos en materia de contratación municipal, programación do Nadal e actividade comercial. Entre eles, acordouse declarar deserto o procedemento de contratación do servizo de mantemento de caldeiras e sistemas de calefacción e climatización, ao non cumprirse as condicións establecidas no prego.
Segundo explicou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, ao proceso só se presentou unha empresa e a súa oferta superaba o orzamento máximo permitido, polo que non puido ser aceptada. A proposta presentada por Interproma Medioambiente, S.L. ascendía a 69.869,89 euros, mentres que o límite fixado no prego era de 68.960,32 euros. Arroxo sinalou que a decisión responde a criterios de responsabilidade e respecto á legalidade vixente.
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do contrato para a subministración en réxime de aluguer de catro carrozas destinadas á Cabalgata de Reis de 2026. O servizo foi adxudicado á empresa Parade Factory di Luca, S.L., por un importe total de 53.240 euros. O contrato inclúe o deseño, a decoración e todos os elementos necesarios para o correcto funcionamento das carrozas durante o evento.
A Cabalgata celebrarase o 5 de xaneiro de 2026 a partir das 18:00 horas e, como é tradición, ao longo do percorrido repartiranse máis de 4.000 quilos de caramelos. Están previstas tres carrozas para os Reis Magos e unha cuarta destinada aos paxes e aos agasallos, todas elas cunha temática común centrada nos animais fantásticos e nos seus mundos e universos, con referencias a criaturas terrestres, mariñas e aéreas, tanto reais como imaxinarias. Rubén Arroxo destacou que o obxectivo é ofrecer unha cabalgata atractiva, segura e pensada para ilusionar ás nenas e nenos e ao conxunto das familias.
Por último, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén a renovación dos postos de venda do Mercado de Frigsa para o ano 2026. En total, autorízanse 78 renovacións e un cambio de titularidade, mentres que se denega unha solicitude ao figurar a persoa titular como debedora tributaria. Segundo indicou Arroxo, a intención é garantir a continuidade da actividade do mercado, sempre desde o cumprimento das obrigas administrativas e fiscais.