A Xunta destina máis de 1,12 millóns de euros á promoción do Camiño Francés e á preparación do Xacobeo 2027

GaliciaXa | LugoXa | SarriaXa
O convenio beneficiará a once concellos, entre eles Sarria, Samos, Triacastela, Paradela, Palas de Rei, Portomarín e Monterroso
Camiño-Francés-Portomarín
28 Jul 2026

O Consello da Xunta aprobou a autorización para a sinatura dun novo convenio entre Turismo de Galicia, a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés e os once municipios que a integran, co obxectivo de impulsar a conservación e promoción da ruta xacobea e preparar a programación de cara ao Xacobeo 2027. O acordo contará cun investimento superior aos 1,12 millóns de euros por parte do Goberno galego.

O convenio abrangue os concellos de Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino, Portomarín, Samos, Sarria e Triacastela, que serán os encargados de desenvolver as actuacións previstas coa coordinación da Mancomunidade, mentres que Turismo de Galicia colaborará no seu financiamento.

O documento parte da importancia que terá a celebración do Ano Santo Xacobeo 2027 como oportunidade para reforzar a proxección internacional de Galicia e consolidar o Camiño de Santiago como un dos principais destinos de turismo cultural e de peregrinación. Neste sentido, as administracións implicadas apostan por mellorar a conservación da ruta, incrementar a calidade da atención ás persoas peregrinas e visitantes e potenciar a promoción cultural e turística do itinerario.

O convenio estrutúrase en dúas liñas de actuación. A primeira, dirixida aos concellos, permitirá financiar actuacións de mellora paisaxística e embelecemento de espazos e recursos situados no Camiño Francés, así como a organización de actividades culturais e turísticas vinculadas ao Xacobeo 2027. Tamén inclúe os gastos de persoal técnico das oficinas municipais de turismo.

A segunda liña está destinada á propia Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés e contempla a organización dunha acción anual de promoción da ruta xacobea e do Xacobeo 2027, ademais da contratación dunha persoa técnica encargada de coordinar estas iniciativas cos distintos municipios.

A Xunta destacou que este convenio dá continuidade á colaboración mantida nos últimos anos coa Mancomunidade. Desde o ano 2014, e incluíndo esta nova achega, Turismo de Galicia leva investidos case 6,8 millóns de euros en actuacións destinadas a reforzar os servizos, a promoción e a conservación do Camiño Francés ao seu paso polos concellos galegos.

0.10710406303406