As Gándaras incorpora case 220.000 metros cadrados e 39 novas parcelas tras un investimento de 8,5 millóns

A urbanización das fases IV, V e VII-A do parque empresarial das Gándaras xa está completada cun investimento de 8.520.497,57 euros, unha actuación que incorpora case 220.000 novos metros cadrados de superficie empresarial e 39 parcelas para facilitar a instalación de novas empresas. As obras incluíron tamén a ampliación de varias vías do polígono e a construción dunha nova rotonda para mellorar a conexión e a circulación no ámbito.
Das 39 parcelas incorporadas con estas novas fases, 27 foron adxudicadas este venres, mentres que as restantes permanecen na oferta pública permanente e serán adxudicadas nos próximos meses. As tres primeiras fases do parque empresarial xa están rematadas e non dispoñen de solo libre, mentres que actualmente se está traballando nas fases VI e VII-B.
O desenvolvemento destas novas fases supón ampliar a oferta de solo empresarial nun dos principais espazos industriais de Lugo. O investimento realizado nesta actuación súmase aos preto de 70 millóns de euros executados ata o momento no parque das Gándaras. Unha vez completado na súa totalidade, o parque superará os dous millóns de metros cadrados e acumulará un investimento próximo aos 90 millóns de euros. Aínda quedarían por programar as fases VIII e IX.
Durante o acto de presentación da urbanización, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou a demanda existente de solo empresarial e a necesidade de responder con rapidez aos proxectos interesados en instalarse en Galicia.
"Hai moito talento e cando hai talento, hai iniciativa empresarial e hai que darlle resposta. Esta ampliación do polígono é o mellor exemplo", afirmou Rueda, que tamén sinalou que "onde se xera demanda, hai que atendela con celeridade".
NOVAS ACTUACIÓNS NAS GÁNDARAS
Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, aproveitou o acto para anunciar novas actuacións municipais destinadas a mellorar os servizos do parque empresarial. O Concello licitará proximamente as obras de mellora do abastecemento de auga das Gándaras, unha infraestrutura que presenta deficiencias e que constitúe unha demanda dos empresarios da zona.
Candia avanzou tamén que "en breve iniciará a obra de aparcamento a entrada para ese parque", cunha actuación destinada a mellorar os accesos e as dotacións do espazo empresarial. Ademais, o Concello traballará de forma coordinada cos empresarios para poñer en marcha un servizo de conciliación, que a alcaldesa cualificou como unha "deuda histórica".
A rexedora reivindicou o papel das Gándaras como un dos principais motores económicos da cidade e defendeu a necesidade de seguir acompañando as empresas e mellorando as condicións do parque. "Queremos seguir coidando este polígono, queremos seguir acompañando as iniciativas empresariais, porque iso é un motor económico das nosas cidades", asegurou.
No ámbito máis amplo da política industrial, Rueda destacou que a Xunta prevé desenvolver case 12 millóns de metros cadrados de novo solo industrial ata 2030, cun investimento superior aos 440 millóns de euros. A cifra prevista, de 11,7 millóns de metros cadrados, supera os 11,4 millóns desenvolvidos por Xestur desde a súa creación nos anos 80 ata hai algo máis dun ano.
Esta estratexia complétase con medidas como os prezos bonificados, a oferta pública permanente e a adxudicación directa nos casos previstos legalmente para proxectos singulares ou estratéxicos.
Rueda vinculou tamén a ampliación das Gándaras co dinamismo económico de Lugo e citou outros investimentos da Xunta na cidade, entre eles os relacionados coa vivenda de promoción pública, coa previsión de 615 vivendas en marcha, así como actuacións sanitarias como o proxecto do centro de saúde do Sagrado Corazón e a reforma do centro de saúde da Milagrosa, ademais da ampliación do IES Muralla Romana.