A Xunta inaugura en Lugo a exposición "Arde Lvcvs. 25 anos de festa, 2000 anos de historia"

LugoXa
A mostra poderá visitarse de balde ata decembro e percorre a evolución da celebración desde diferentes perspectivas históricas, culturais e artísticas
exposición-Arde-Lucus-26
10 Jul 2026

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo inaugurou a exposición "Arde Lvcvs. 25 anos de festa, 2000 anos de historia", unha mostra que ofrece un percorrido pola traxectoria da festa de recreación histórica a través das achegas de investigadores, fotógrafos e asociacións vinculadas ao evento.

A exposición permanecerá aberta ao público de maneira gratuíta ata o mes de decembro, en horario de 9:00 a 19:30 horas.

Durante a inauguración, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, felicitou aos responsables da iniciativa e destacou que se trata dunha das primeiras actividades promovidas pola recentemente creada Cátedra de Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela no Campus Terra, dirixida polos profesores Gonzalo Fernández Suárez e Dolores Fernández Tilve.

No acto tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; a vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Raquel Arias; e as comisarias da exposición, as profesoras da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo Miriam Elena Cortés e Patricia Cupeiro, ademais doutros representantes institucionais e do ámbito cultural.

A mostra permite coñecer distintos aspectos relacionados co Arde Lvcvs e coa historia da cidade durante a época romana. Entre os seus contidos inclúe unha recreación dixital da indumentaria romana, un percorrido pola evolución dos carteis da festa desde a súa primeira edición e unha instalación interactiva pensada para fomentar a participación do público infantil.

O espazo expositivo complétase coa obra "A previa", da fotógrafa e deseñadora gráfica Esther López, un traballo que ofrece unha visión persoal dos preparativos da edición deste ano do Arde Lvcvs.

0.146409034729