A Xunta investiu 838.000 euros en tres anos na Reserva Nacional de Caza dos Ancares

LugoXa
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, participou na xunta consultiva da entidade, que deu conta dos traballos realizados
reunion-xunta-reserva-dos-ancares
16 Jun 2026

A Xunta de Galicia investiu 838.000 euros nos últimos tres anos na Reserva Nacional de Caza dos Ancares para actuar na conservación de bosques autóctonos, pistas, rutas, e campos e pasteiros, entre outras tarefas.

A Delegación Territorial de Lugo acolleu hoxe a reunión da xunta consultiva da entidade, coa participación do delegado territorial, Alfonso Villares, xunto con representantes de varios servizos da Administración autonómica así como das Administracións Locais, asociacións de caza, montes veciñais en man común ou entidades naturalistas e ecoloxistas, entre outros implicados.

A xuntanza serviu para dar conta dos labores executados por Seaga no marco da planificación para o período 2023-2026, que remataron o pasado mes de maio. No territorio da Reserva, que se estende polo municipio de Cervantes, marcáronse e sinalizáronse 43,7 quilómetros de rutas, en concreto as que unen Campa de Fieiró e Golada da Vara, Cabanas Antigas con Rego da Vara, a circular entre Piornedo e Vilarello, a Golada Mostallar, e a que conecta Piornedo e Val da Freita.

Rozáronse 31 quilómetros de pistas e sendas, e acondicionaron 2,4 quilómetros entre Piornedo e Campo Redondo. Igualmente, realizaron rozas mecanizadas ou manuais en 183,4 hectáreas de campas e pasteiros naturais repartidas en medio cento de localizacións, e sementaron centeo en 7,9 hectáreas distribuídas en 29 zonas.

No que respecta ás actuacións en masas de bosque autóctono, destacan os traballos de rexeneración no bidueiral do monte de Brego en Chandorto e na carballeira de Vilanova do Pedregal, ambos afectados por incendios forestais no ano 2017. Tamén interviñeron en Ortigoso, nos acivros de Cabanavella ou nos soutos de castiñeiro en Piornedo.

A reunión serviu tamén para avaliar a evolución dos resultados cinexéticos na Reserva durante os últimos dez anos e aprobar o plan anual de caza para a tempada 2026-2027, conforme aos censos de poboacións dispoñibles de rebezo, perdiz e xabaril.

0.1201000213623