A Xunta inviste 120.000 euros na mellora enerxética do pavillón de Navia de Suarna

A Xunta de Galicia destinou 120.000 euros á rehabilitación enerxética do pavillón polideportivo municipal de Navia de Suarna, nunhas actuacións que afectaron tanto á envolvente do edificio como a distintos elementos interiores co obxectivo de mellorar a súa eficiencia e funcionalidade.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado dos traballos e destacou que as instalacións son agora “máis confortables, eficaces e eficientes”, unha vez solucionados os problemas de humidade e calefacción que condicionaban o seu uso.
As actuacións incluíron a substitución da cuberta e o revestimento das fachadas con materiais illantes que melloran a impermeabilidade do edificio. As filtracións, especialmente procedentes do tellado, supoñían unha ameaza para a vida útil da infraestrutura e provocaban danos no interior do recinto.
Na zona dos vestiarios renováronse as carpintarías, incorporando perfís de aluminio con dobre acristalamento de baixa emisividade térmica e selado continuo. Ademais, implantouse un sistema de calefacción baseado en bombas de calor, con equipos de aire acondicionado que funcionan con enerxías máis eficientes.
Por último, actualizouse o sistema de iluminación coa substitución de todas as luminarias por tecnoloxía LED de baixo consumo. Javier Arias subliñou que a Xunta colabora cos concellos para dotar de infraestruturas públicas de calidade, especialmente no ámbito rural, destacando que estas melloras permiten reducir o consumo enerxético e o custo de mantemento ao tempo que son máis respectuosas co medio ambiente.