A Xunta inviste máis de 2,4 millóns na mellora do firme de tres estradas autonómicas da provincia de Lugo

LugoXa | TerraChaXa
As actuacións desenvolveranse nos concellos de Lugo, Vilalba, Castro de Rei, Begonte e Outeiro de Rei para reforzar a seguridade viaria e renovar o pavimento
Estrada_LU-541_Vilalba
10 May 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de adxudicar as obras de renovación do firme en tres estradas autonómicas da provincia de Lugo por un importe de 2.409.522,76 euros. Os traballos foron adxudicados á empresa Construcciones Isidro Otero S.L.

As actuacións executaranse nas estradas LU-021, LU-115 e LU-541 ao seu paso polos municipios de Lugo, Vilalba, Castro de Rei, Begonte e Outeiro de Rei. O obxectivo principal destas intervencións é mellorar as condicións funcionais das vías e incrementar a seguridade viaria en distintos treitos da rede autonómica.

Os traballos previstos inclúen a rehabilitación superficial do firme mediante actuacións orientadas á restauración e mellora das características do pavimento, adaptándose ás necesidades funcionais e de durabilidade de cada estrada. Entre as actuacións previstas figuran fresados localizados nas zonas máis deterioradas e a reposición dunha nova capa de firme.

As obras tamén contemplan o selado de fisuras lineais con mestura bituminosa, así como a renovación e homoxeneización da capa de rodaxe para mellorar a circulación e a conservación das estradas.

Ademais, segundo as necesidades específicas de cada vía, executaranse actuacións complementarias como a reposición das marcas viarias, incluíndo liñas continuas e descontinuas, cebreados, símbolos e resaltos nos treitos renovados ou naqueles nos que a sinalización horizontal perdeu efectividade.

A Xunta destaca que continúa apostando pola conservación e mellora da rede autonómica de estradas co obxectivo de reducir os custos de mantemento a longo prazo e incrementar a seguridade viaria. Neste sentido, o departamento que dirixe María M. Allegue prevé alcanzar este ano un novo récord histórico no investimento destinado á conservación das estradas autonómicas, cun orzamento de 71,6 millóns de euros.

0.12719702720642