A Xunta inviste máis de 296.000 euros na rehabilitación do CPI de Navia de Suarna

As obras melloran a eficiencia enerxética e modernizan varias dependencias do centro educativo no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
melloras-CPI-Navia-de-Suarna
14 Apr 2026

A Xunta de Galicia investiu 296.200 euros nas obras de rehabilitación do Colexio Público Integrado (CPI) de Navia de Suarna, un centro no que se imparten as etapas de Educación Infantil, Primaria e ESO.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o centro educativo para comprobar o resultado das actuacións, centradas na mellora da eficiencia enerxética e na reforma de distintas dependencias interiores.

No que respecta á envolvente do edificio, procedeuse á substitución de todas as fiestras por outras de maior estanquidade ao aire, con apertura oscilobatente e maior resistencia térmica. Ademais, realizouse a limpeza da fachada principal e a substitución dos canlóns que se atopaban en mal estado.

No interior do colexio levouse a cabo a renovación completa dos aseos das plantas baixa e superiores. Tamén se instalaron falsos teitos e novas luminarias LED nalgunhas aulas, ao tempo que se renovou o pavimento do ximnasio e da zona de Educación Infantil.

O delegado territorial destacou que a Xunta continúa avanzando na modernización dos centros educativos da provincia a través de actuacións de rehabilitación incluídas no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

0.11788511276245