A Xunta licita a ampliación do IES Muralla Romana de Lugo cun investimento de 1,6 millóns de euros

LugoXa
A actuación permitirá incrementar a superficie do centro en preto de 900 metros cadrados para dar resposta ao aumento da matrícula de FP
ampliacion-IES-A-Muralla-Lugo
2 Jan 2026

A Xunta de Galicia vén de licitar as obras de ampliación do IES Muralla Romana, en Lugo, unha actuación coa que se pretende dar resposta ao incremento da matrícula de Formación Profesional neste centro educativo. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destinará un investimento de 1,6 millóns de euros a este proxecto, que se executará ao longo de 2026 e que se enmarca dentro do Plan de nova arquitectura pedagóxica impulsado polo Goberno galego.

A intervención permitirá incrementar en case 900 metros cadrados a superficie do instituto mediante a construción dun novo volume anexo ao edificio actual. Para facer posible esta ampliación será necesaria a demolición previa dunha edificación existente de 167 metros cadrados, sobre a que se levantará un inmoble cunha superficie total de 892 metros cadrados distribuídos en planta baixa, primeira e segunda. O novo edificio estará conectado co actual a través dun corredor en cada un dos niveis, garantindo así a funcionalidade e a integración entre ambos espazos.

O deseño do novo inmoble contempla a instalación dunha escaleira que comunicará as tres plantas. Na planta baixa habilitaranse dúas aulas de clase, dúas aulas de apoio, un departamento de profesorado e unha sala de comunicacións, mentres que a primeira e a segunda planta contarán cada unha con tres aulas e un departamento docente. A ampliación manterá a mesma linguaxe arquitectónica do edificio existente, cunha fachada de dobre folla de ladrillo e acabado exterior mediante sistema de illamento térmico SATE. A cuberta da zona das aulas será a dúas augas, mentres que a conexión entre o novo volume e o edificio actual resolverase cunha cuberta plana.

⚙ Configurar cookies
0.078855991363525