A Xunta licita as obras de mellora integral da rúa Serra de Meira cun investimento de 1,1 millóns

A Xunta de Galicia licitou as obras de mellora integral da rúa Serra de Meira, en Lugo, unha actuación na que investirá 1,1 millóns de euros para renovar e modernizar esta vía da cidade.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou xunto coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na presentación do proxecto ante representantes das asociacións veciñais de Gatos Roxos, Sagrado Corazón e Paradai, que puideron coñecer de primeira man os detalles da intervención.
As obras desenvolveranse no tramo comprendido entre a glorieta de Serra de Meira e a glorieta da avenida Adolfo Suárez. O proxecto contempla a renovación do firme, a execución de novas beirarrúas, a mellora dos itinerarios peonís e a renovación dos servizos urbanos.
Ademais, prevese a modernización das redes de abastecemento, saneamento, iluminación e telefonía, co obxectivo de actualizar as infraestruturas básicas da zona e mellorar o servizo á veciñanza.
As actuacións inclúen tamén a instalación de novo mobiliario urbano, dúas marquesiñas de autobús e a plantación de arborado para favorecer unha mellor integración paisaxística coa contorna do parque do Sagrado Corazón.
Durante o acto de presentación, Elena Candia destacou que se trata dunha intervención “moi necesaria para mellorar a seguridade, a accesibilidade e a mobilidade nesta zona da cidade”. A alcaldesa subliñou ademais que “hoxe damos un novo paso para seguir avanzando no desenvolvemento do Plan Paradai, un proxecto estratéxico para Lugo no que o actual Goberno municipal mantén o compromiso de continuar impulsando as actuacións pendentes”.
VALORACIÓN DO PSOE
O portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Miguel Fernández, valorou a licitación por parte da Xunta das demandadas obras en Serra de Meira, no marco do plan Paradai, aínda que advertiu de que “a presión política e veciñal volve demostrar que dá resultados, porque a Xunta acaba reaccionando, pero chega con anos de atraso”.
Fernández lembrou que a situación desta actuación se desbloqueou tras unha reunión mantida coa conselleira competente, na que, segundo explicou, conseguiu que a Xunta asumise a totalidade do custo das obras. “Foi necesario insistir, reivindicar e poñer este asunto enriba da mesa para que a Xunta dese un paso adiante”, sinalou o líder socialista, quen tamén lembrou as declaracións da presidenta provincial do PP, Elena Candia, que recoñecera publicamente que o plan Paradai non era unha prioridade.
O portavoz socialista puxo o foco no atraso acumulado por un proxecto que cualificou de “fundamental para a seguridade e a mobilidade da zona” e que, segundo indicou, leva máis dunha década agardando por solucións reais. Ademais, criticou que o proceso de redacción do proxecto sufrise unha “demora absolutamente incomprensible”, lembrando que a propia conselleira anunciara que estaría rematado no pasado mes de outubro e que “case un ano despois seguimos chegando tarde”.
“Nada disto é casualidade. É o reflexo da forma de xestionar do PP en Lugo: anuncios reiterados, promesas repetidas unha e outra vez e proxectos que se eternizan durante anos, cando non durante décadas”, afirmou Fernández.
Neste sentido, advertiu de que a actuación non pode quedar unicamente nesta intervención e reclamou dar continuidade á mellora integral da contorna coa actuación na Calzada da Gándara. “É imprescindible seguir avanzando para garantir conexións seguras e modernas nunha zona que leva demasiado tempo esquecida polas administracións gobernadas polo PP”, concluíu.