A Xunta mellora o local social de Ombreiro e avanza na construción dunha senda peonil na estrada LU-234

LugoXa
O Goberno galego investiu 12.000 euros nas obras do local veciñal e prevé destinar 625.000 euros á nova senda que unirá Ponte Ombreiro con Torre de Riazón
asociación-de-veciños-Ombreiro-Río-Miño-local-social
7 Nov 2025

A Xunta de Galicia colaborou coa asociación de veciños Ombreiro Río Miño na execución de diversas melloras no seu local social, situado no núcleo do Rigueiro, na parroquia lucense de Ombreiro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións para coñecer o resultado das obras, que tiveron como obxectivo principal mellorar a accesibilidade e o illamento do edificio, cunha achega autonómica de 12.000 euros.

Entre as actuacións realizadas destacan a eliminación das escaleiras da entrada, a instalación dunha barra de suxeición no baño —pensada especialmente para persoas con mobilidade reducida—, a reparación de filtracións de auga, a colocación dun teito de pladur e a renovación da instalación eléctrica, ademais doutros pequenos arranxos necesarios para o bo funcionamento do inmoble.

Arias explicou que a asociación veciñal de Ombreiro foi beneficiaria das axudas do Plan de acción comunitaria deste ano, convocado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, co obxectivo de apoiar ás entidades veciñais na mellora dos espazos onde desenvolven as súas actividades. Ademais, lembrou que nunha edición anterior deste programa, a mesma agrupación xa recibira unha achega de 17.000 euros para acometer obras e adquirir material para o seu local social.

Durante o encontro cos veciños, o delegado territorial tamén informou dos avances do proxecto para a construción dunha senda peonil na estrada autonómica LU-234 ao seu paso por Ombreiro, unha obra que contará cun investimento de 625.000 euros. A redacción do proxecto está en marcha desde a formalización do contrato o pasado mes de xuño, e o percorrido previsto terá algo máis dun quilómetro, entre Ponte Ombreiro e Torre de Riazón, co obxectivo de mellorar a seguridade e a mobilidade peonil na zona.

Arias lembrou que esta actuación forma parte da segunda fase do Plan de Sendas de Galicia, que contempla a redacción dos proxectos para os primeiros itinerarios e prevé un investimento total de 70 millóns de euros ata o ano 2027, co fin de crear máis de 120 novos quilómetros de sendas peonís en toda a comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.075893878936768