A XXV Mostra de Teatro Clásico de Lugo traerá 13 representacións no mes de marzo

LugoXa
Este ano, a Mostra contará cunha importante aposta polas compañías galegas que empezaron a producir obras clásicas
25ª-edición-da-Mostra-de-Teatro-Clásico-Lugo
13 Feb 2025

A XXV edición da Mostra de Teatro Clásico de Lugo traerá un total de 13 representacións ao Auditorio Municipal Gustavo Freire durante o mes de marzo.

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto á concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron a programación desta nova edición, que se desenvolverá ao longo de todo o mes.

"Quixemos facer unha programación extensa, de calidade e para todos os públicos", destacou Ferreiro, que engadiu: "Continuamos a concentrar a mostra no mes de marzo, facilitando a afluencia do público e a difusión da programación de Teatro Clásico".

Este ano, a Mostra contará cunha importante aposta polas compañías galegas que empezaron a producir obras clásicas. As entradas estarán dispoñibles a través do portal do Concello de Lugo, a un prezo de 8 euros para os espectáculos para público adulto e 3 euros para os espectáculos familiares. Ademais, as persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG gozarán dun 30 % de desconto. Tamén se poderá adquirir un bono para toda a programación para público adulto a un prezo de 50 euros.

A Mostra terá lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire, debido a que a programación se realiza con moitos meses de antelación, o que impediu a posibilidade de trasladar as representacións ao Fuxan os Ventos. Rubén Arroxo animou ás lucenses a acudir ao teatro e desfrutar da calidade das obras que se presentarán ao longo do mes de marzo. A programación tamén inclúe unha "gran presenza feminina", con dúas actividades realizadas integramente por mulleres e catro obras completamente galegas. En total, as obras desta edición acumulam sete premios de teatro a nivel galego e estatal.

O programa da XXV Mostra de Teatro Clásico comezará o 23 de febreiro co espectáculo Quen ocupa esa cadeira. 25 anos de Mostra de Teatro Clásico de Palimoco Teatro na Praza Maior, e continuará durante todo o mes de marzo cunha ampla variedade de obras que inclúen títulos como La dama duende de Mic Producciones, Nada se sabe de Culturactiva, La vida es juego de Ultramarinos de Lucas, Frío de A Feroz, El Avaro de Atalaya, Estebanillo González de Teatro Guirigai, Mala vida e pior morte de Ricardo III de Producións teatrais excéntricas, El viento es salvaje de Las niñas de Cádiz, CASA DE MUÑECAS de Secuencia 3 Artes Comunicación, Las locuras para el veraneo de Noviembre Teatro e Teatro Español, Mulleres que viven soas de Berrobambán, e TEBANAS da Compañía Ay Teatro.

Este ano, a Mostra de Teatro Clásico promete ser unha das edicións máis completas e de maior calidade, cunha programación que abarca tanto espectáculos para público adulto como para público familiar, e con importantes compañías e traballos premiados que chegarán a Lugo para ofrecer unha experiencia cultural única.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

0.17788410186768