A zanfoneira Tobie Miller e o Ensemble Danguy actúan en Lugo dentro da Semana de Música do Corpus

A virtuosa da zanfona Tobie Miller xunto co seu grupo Ensemble Danguy actúan este sábado, día 23, en Festival de Música Cidade de Lugo, integrado na 53 Semana de Música do Corpus, cun concerto previsto no escenario do Círculo das Artes ás 19:00 horas.
A música franco-canadense Tobie Miller está considerada unha pioneira e virtuosa da zanfona barroca e histórica, un instrumento ao que dedicou as últimas dúas décadas a través da interpretación, a investigación e a docencia con fontes e métodos históricos. É ademais fundadora e directora do Ensemble Danguy, formación que toma o seu nome dun dos intérpretes máis recoñecidos deste instrumento no século XVIII.
Ao longo da súa traxectoria desenvolveu unha intensa actividade como solista e como integrante de conxuntos de prestixio internacional, participando en formacións como L’Ensemble Baroque de Limoges, Les Violons du Roy, Les Ambassadeurs-La Grande Écurie ou Les Musiciens de Saint Julien, ademais de realizar recitais centrados tanto no repertorio antigo como no contemporáneo.
Miller conta cunha ampla discografía que inclúe gravacións en solitario e traballos co Ensemble Danguy, nos que se recupera o repertorio histórico escrito especificamente para a zanfona na súa idade de ouro na Francia do século XVIII. Ademais da súa faceta concertística, tamén desenvolve un importante labor como docente e intérprete de frauta doce e canto.
O Ensemble Danguy especialízase precisamente neste repertorio histórico da zanfona, abordando as súas distintas formas e denominacións ao longo dos séculos. O grupo colabora con especialistas internacionais e centra parte do seu traballo na recuperación de obras pouco interpretadas na actualidade, consolidándose como unha formación de referencia neste ámbito musical.