Abel Caballero carga en Lugo contra a moción de censura e amosa o seu apoio a Miguel Fernández

GaliciaXa | LugoXa
O alcalde de Vigo cualifica a situación de “profundamente antidemocrática” e destaca a transformación urbana da cidade lucense
Abel-Caballero-visita-Lugo-abril-2026
27 Apr 2026

A cidade de Lugo recibiu este luns a visita institucional do alcalde de Vigo, Abel Caballero, nun encontro marcado polo respaldo explícito ao rexedor lucense, Miguel Fernández, e pola dura crítica á moción de censura actualmente en curso, que foi cualificada como unha actuación “injusta, ilóxica e difícil de comprender”.

Durante un percorrido polo centro urbano, Fernández puxo en valor o proceso de transformación que experimentou Lugo nos últimos anos, facendo fincapé na renovación do Casco Histórico, na recuperación de espazos públicos e na dinamización de prazas e rúas. O alcalde asegurou que “Lugo é hoxe unha cidade máis viva, dinámica e con máis proxección de futuro”, destacando que o esforzo realizado está a traducirse en avances visibles, como o aumento do turismo ou o crecemento da poboación.

O rexedor lucense tamén quixo agradecer a presenza de Caballero, ao que definiu como un dos alcaldes máis recoñecidos do Estado. Segundo indicou, o seu apoio resulta especialmente relevante nun momento político complexo, no que o goberno local afronta unha situación de incerteza. “Queremos amosar que Lugo segue avanzando, mesmo en circunstancias difíciles, e reivindicar unha cidade aberta, acolledora e en constante evolución”, afirmou.

Pola súa banda, Caballero amosouse especialmente contundente ao referirse á moción de censura, que cualificou como “un acto antidemocrático innomeable”. O alcalde vigués criticou o uso de votos socialistas para desaloxar a un rexedor elixido baixo as mesmas siglas, advertindo de que este tipo de prácticas “vulneran gravemente os principios democráticos”. “É legal, pero non é lexítimo, e quen defende a democracia debe rexeitalo con claridade”, subliñou.

Na súa intervención, tamén vinculou esta situación ao contexto político galego, apuntando que a manobra responde a un intento de frear o desenvolvemento da cidade. “O que se pretende é parar Lugo, interromper unha transformación histórica que resulta evidente para calquera que percorra as súas rúas”, sostivo.

Caballero aproveitou ademais para salientar a evolución urbana da capital lucense, que definiu como “extraordinaria” e froito dunha continuidade política centrada no progreso. Neste sentido, asegurou que o actual alcalde está a dar continuidade a ese proceso con solvencia. “O que está a acontecer en Lugo é visible e responde a un cambio profundo que continúa hoxe con Miguel Fernández, que está demostrando ser un magnífico alcalde”, engadiu.

O rexedor de Vigo concluíu trasladando unha mensaxe de confianza no sistema democrático, lembrando que situacións similares xa se produciron no pasado e que será a cidadanía quen teña a última palabra. “A democracia é sólida e a resposta chegará nas urnas”, afirmou.

Esta visita institucional reforza así o apoio político e simbólico ao actual goberno municipal nun momento decisivo para o futuro de Lugo, ao tempo que pon en valor tanto a xestión desenvolvida nos últimos anos como o proxecto de cidade que lidera Miguel Fernández.

0.12186217308044