A moción de censura en Lugo: cronoloxía do proceso e o posible futuro político na cidade

O Concello de Lugo viviu esta semana un dos momentos máis intensos a nivel político nos últimos tres anos. O goberno local bipartito, formado por PSOE e BNG tras as eleccións munipais de 2023, comezou sendo encabezado por Lara Méndez, que axiña abandonou a cidade amurallada para converterse na vicesecretaria xeral do PSdeG ante unha chamada de Gómez Besteiro.
Tras ela, colleu o bastón de mando Paula Alvarellos, que non chegou a facer o ano de rexedora cando faleceu. Tras ser elixido Miguel Fernández como alcalde, outros dous edís socialistas faleceron, Pablo Permuy e Olga López Racamonde, obrigando aos socialistas a tirar da lista. María Reigosa entrou como concelleira socialista tras a marcha de Pablo Permuy, en novembro de 2025, pero tan só catro meses despois, en marzo, decidiu abandonar o grupo de goberno para ser concelleira non adscrita.
Esta situación, que creou tensión política no goberno municipal e nos plenos, onde nalgúns momentos uniu o seu voto co grupo da oposición, o PP, motivou conversas entre os populares e a ex socialista, que desencadearon nunha posible moción de censura do PP, que conta con 12 concelleiros, frente aos 13 cos que mantiñan a maioría no goberno municipal formado por PSOE e BNG.

Luns, 20 de abril
No primeiro día da semana, saltan as alarmas ao chegar rumores de que o PP podería presentar unha moción de censura, xa que os populares confirman que están a manter conversas con María Reigosa para chegar a un acordo. A resposta do PSOE non se fai esperar e reaccionan con contundencia, reivindicando o apoio ao seu proxecto político e asegurando que segue a ser a única forza que medra en representación segundo as últimas enquisas, pasando de oito a nove concelleiros. Os socialistas acusan á oposición de centrarse en promover mocións de censura en lugar de ofrecer solucións á cidadanía. Incluso, a portavoz do PSOE no Goberno municipal de Lugo, Ana González Abelleira, cualificou de “práctica antidemocrática” por impulsarse “nun momento especialmente delicado”, tras o falecemento de tres compañeiros, unha circunstancia que, ao seu xuízo, se está a empregar de maneira oportunista. Tamén, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu que “quen non ten límites para chegar ao goberno a través dun acto de corrupción política, tampouco os terá para gobernar”. O dirixente socialista acusou a Alfonso Rueda de “cociñar” a iniciativa “no seu despacho”, asegurando que leva 27 anos sen lograr o goberno co voto cidadán.
Pola súa parte, a portavoz do BNG, Olalla Rodil, denuncia que o PP pretende impulsar unha moción de censura apoiándose nunha concelleira tránsfuga, e Ana Pontón pídelle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que desautorice a posible moción de censura no Concello de Lugo, por ser “inmoral e indecente desde o punto de vista político”.
Outras voces, como Movemento Sumar Galicia tamén critica a posible moción de censura, ao considerar que non responde ao interese xeral da cidadanía, senón a unha estratexia do Partido Popular para modificar a vontade expresada nas urnas. Neste sentido, acusan directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de participar dunha estratexia baseada en “repartir cheques e comprar vontades” co obxectivo de alterar maiorías saídas das eleccións.
Por último, Podemos Lugo cualifica esta situación como un “intento de 'tamayazo' e como “un grave fraude democrático” e unha falta de respecto á vontade expresada nas urnas pola cidadanía lucense. Así, amosan unha forte crítica cara ao Partido Popular, ao que acusan de priorizar o acceso ao goberno por riba de calquera principio. Segundo sinalan, esta actitude evidencia que “todo vale con tal de gobernar”, mesmo recorrendo a prácticas que, ao seu xuízo, deterioran a calidade democrática.
Ademais, a cidadanía agrúpase para formar a Plataforma cidadá ‘Transfuguismo NON / Democracia SI’, unha iniciativa de Luz Darriba e Lois Pérez, que xunto con outros centos de lucenses, reivindican a paralización da posible moción de censura.

Martes, 21 de abril
Despois de que durante a xornada do luns o Partido Popular lucense non fixera un anuncio oficial da moción de censura, pero tampouco a desmentira, a tensión elévase na cidade e volve saír o secretario xeral do PSdeG, Gómez Besteiro, a defender o goberno local na sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento Galego, onde acusou directamente ao PP de intentar aproveitar o falecemento de tres compañeiros socialistas en Lugo, ocorrido en menos dun ano, para facerse coa Alcaldía da cidade. “Sen a morte dos nosos compañeiros, nunca chegarían a gobernar Lugo”, afirmou Besteiro. Durante a súa intervención, Besteiro advertiu a Rueda de que avalar esta operación política tería consecuencias sobre a súa imaxe pública e a súa presidencia, apelando directamente á súa responsabilidade como líder do Partido Popular en Galicia.
A isto, contestou a deputada popular do Parlamento de Galicia, Paula Prado del Río, que defendeu que a moción de censura responde “á necesidade de superar o actual escenario de bloqueo e inestabilidade”. Prado explicou que o PP de Lugo está a analizar un escenario no que podería sumar 13 concelleiros, o que abriría a porta a un cambio de goberno. Neste contexto, asegurou que o seu partido actúa pensando no interese da cidadanía e en “reverter unha situación de bloqueo”. A deputada lembrou que o Partido Popular foi a forza máis votada nas eleccións municipais, quedando preto da maioría absoluta con 12 concelleiros, e considerou que iso lle outorga a responsabilidade de dar resposta ás necesidades da cidade. Neste sentido, afirmou que “se neste momento hai unha posibilidade de ter 13, cremos que hai que aproveitar esa oportunidade para mellorar a situación dos lucenses”.
Ao mesmo tempo, o PP de Lugo pronúnciase, por fin, a través do presidente da Xunta local, Ramón Carballo, que defendeu que a presentación dunha moción de censura no Concello é, na actualidade, “máis necesaria que nunca”, ao considerar que a cidade atravesa unha situación de desgoberno marcada pola división interna do PSOE e do BNG. Carballo sostén que esta iniciativa constitúe “un instrumento democrático” e acusa a PSOE e BNG de levar máis de 26 anos de malas decisións, proxectos fallidos e despilfarro de recursos públicos”. O responsable local do PP subliñou que, a pesar de que queda aproximadamente un ano para as eleccións municipais, “non se pode desperdiciar nin un mes máis”, polo que defende actuar de maneira inmediata. Ademais, apuntou que a saída dunha concelleira do propio goberno evidencia a perda de cohesión interna e a falta de liderado no bipartito.
Pola súa parte, o BNG de Lugo apunta a que a edil María Reigosa podería obter algún beneficio persoal a cambio de apoiar esta moción de censura, polo que reclama tanto a Candia como a Reigosa que “aclaren se isto é verdade ou non”. Segundo o portavoz nacionalista, “se isto é certo, ademais da inmoralidade e falta de ética que están a amosar, estariamos ante o maior escándalo da historia da política galega”.
Pouco despois, Rubén Arroxo publica nas súas redes sociais unha captura de pantalla na que aparece, no portal da Xunta, unha praza en comisión de servizo na Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático correspondente á Xefatura do Servizo do Litoral en Lugo, conta cun prazo de inscrición aberto ata o 27 de abril. E PSOE e BNG instan á Xunta de Galicia a aclarar se esta convocatoria pode gardar relación coa situación política actual no Concello de Lugo, marcada pola posibilidade dunha moción de censura impulsada polo Partido Popular. As dúas organizacións sinalan que resulta chamativo que o perfil formativo e profesional esixido para o posto coincida de maneira significativa co currículo dunha edila tránsfuga. Esta situación tamén foi denunciada pola viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, que alertou da convocatoria dunha praza pública da Xunta que, ao seu xuízo, “parece feita á medida” dunha concelleira tránsfuga en Lugo. Durante a súa intervención no Pleno do Parlamento Galego advertiu de que “se se demostra, non é política: é corrupción”.

Mércores, 22 de abril: presentación da moción de censura
A líder dos nacionalistas, Ana Pontón, desprázase ata Lugo, onde, xunto con representantes do BNG da provincia de Lugo, cualificaron esta iniciativa como un “golpe de Estado municipal” e afirmaron que “os lucenses non merecen isto”. A líder nacionalista sostivo que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, debe “rectificar”, ao considerar que “non se pode cambiar o votado nas urnas en 2023”, e cualificou a situación política de “noxenta”. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que Lugo e a súa veciñanza merecen respecto e non ser utilizados polo PP e por Alfonso Rueda como “campo de xogo das súas estratexias políticas”, en referencia á posibilidade dunha moción de censura que cualificou de “indecente e sen escrúpulos” contra o actual goberno municipal. A líder nacionalista cualificou a posible moción de censura como unha “vergoña democrática” que, segundo denunciou, non responde aos intereses de Lugo, senón a intereses partidarios. Pontón tamén criticou con dureza a hipótese de creación dunha praza pública para favorecer a unha tránsfuga, unha situación que considerou especialmente grave e que, de confirmarse, suporía un “escándalo democrático” e unha posible ilegalidade. Anunciou que o BNG fará seguimento desta cuestión e advertiu de que, de acreditarse irregularidades, os responsables deberán responder ante a xustiza.
Pero, horas máis tarde, o Partido Popular de Lugo convoca unha conferencia de prensa para ás 14.15 horas, tras rexistrar a moción de censura no Concello de Lugo con trece sinaturas, e presentan o acordo. María Reigosa negou que se vaia a presentar a unha praza “á medida” na Xunta de Galicia. A edil subliñou que a súa decisión responde a unha reflexión “responsable” sobre a situación da cidade, asegurando que Lugo “non avanza” e que era preciso adoptar unha postura firme. Reigosa insistiu no seu compromiso coa veciñanza e defendeu a moción de censura como un instrumento plenamente legal dentro da actividade política. Pola súa banda, Elena Candia destacou que se trata dun momento de “máxima responsabilidade” e confirmou que as trece sinaturas rexistradas inclúen o respaldo dos concelleiros que a propoñen como candidata á Alcaldía. Se se cumpren os prazos previstos, o pleno no que se formalizará o cambio de goberno municipal celebrarase o vindeiro 7 de maio.

Pola súa parte, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, comparece ás 15.30 horas e acusou ao Partido Popular de impulsar unha estratexia política “sen límites nin escrúpulos”. O rexedor afirmou que “tres mortos e unha tránsfuga son os avales de Candia para asaltar o Concello”, nunha das declaracións máis contundentes da súa intervención, na que tamén vinculou este movemento a unha suposta estratexia de poder a nivel provincial. O alcalde situou xa o foco nas eleccións municipais do próximo ano e asegurou que o seu partido sairá reforzado. “Non teñan dúbida, dentro dun ano estaremos gobernando esta cidade porque os lucenses non perdoan a traizón”, afirmou, en referencia directa ao contexto político aberto tras o rexistro da moción.
A resposta social non tardou en chegar, xa que pola tarde foi presentada publicamente a plataforma cidadá 'Transfuguismo non, democracia si'. O colectivo, integrado por arredor dun cento de persoas de ideoloxía progresista, expresou o seu “desacordo e indignación” ante o que cualifican como un “atropelo antidemocrático”, ao entender que a moción de censura pretende alterar a vontade expresada nas urnas mediante o transfuguismo. En relación coa postura de María Reigosa, instárona a reconsiderar a súa decisión e advertiron de que “a ambición política e o desexo de poder son pasaxeiros”, mentres que as consecuencias dunha decisión deste tipo poden ser duradeiras na relación coa cidadanía. Tamén subliñaron a distancia ideolóxica co Partido Popular e convidárona a “rectificar e evitar unha vergonza”. Así, puxeron en marcha unha campaña de recollida de sinaturas a través da plataforma Change.org, ao tempo que anunciou novas accións de mobilización, como unha concentración convocada para o venres, 24 de abril, ás 19.00 horas diante do Concello.

Xoves, 23 de abril
O PP reafírmase na súa convicción de que o Concello de Lugo necesita un cambio de rumbo tras a celebración das comisións previas ao pleno. Segundo os populares, tanto PSOE como BNG repetiron de forma constante nas peticións formuladas o mesmo argumento, limitándose a indicar que se “toman en consideración” os rogos presentados. Así, o xoves 7 de maio ás 12.00 horas terá lugar o pleno no que se debaterá a moción de censura que, de contar co respaldo de 13 dos 25 membros da Corporación, Elena Candia converteríase na terceira muller alcaldesa de Lugo e a primeira do Partido Popular.
A partir do 7 de maio abrirase o proceso para que a nova alcaldesa configure a estrutura do seu goberno mediante o correspondente decreto de organización, ademais de formalizar o seu equipo de confianza nos diferentes departamentos administrativos. Candia xa avanzou que presentará ese organigrama unha vez se oficialice a súa toma de posesión.
Pola súa parte, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou que, mentres non chegue o día 7, “nada cambiou”, polo que manterá a súa axenda e continuará traballando en “todos os proxectos que están en marcha, como tamén fariamos no hipotético caso de que prosperase a moción”. Con respecto ás eleccións municipais de 2027, o rexedor mostrouse firme na súa intención de encabezar a lista socialista e asegurou con rotundidade que volverá ser alcalde en maio de 2027.
Pola tarde, o BNG celebrou unha asemblea aberta en Lugo na que militantes e simpatizantes analizaron a situación política no Concello tras a presentación da moción de censura. Durante o encontro, o portavoz municipal, Rubén Arroxo, cualificou a iniciativa como “indecente e inaceptable”, chegando a definila como un “golpe de estado”. A formación nacionalista tamén anunciou o seu apoio á mobilización convocada pola plataforma cidadá Transfuguismo NON democracia SI, prevista para este venres, 24 de abril, ás 19:00 horas na Praza Maior de Lugo.
Tamén, Esquerda Unida expresou o seu rexeitamento á moción de censura, unha situación que consideran unha grave vulneración dos principios democráticos. Desde a organización sinalan que o transfuguismo político supón unha deslealdade tanto cara ás formacións que confiaron en determinadas persoas como cara á cidadanía que depositou o seu voto nas urnas. Ao seu xuízo, trátase ademais dunha forma de corrupción que altera as maiorías expresadas democraticamente e que teñen reflexo nas institucións. Neste contexto, lembran a existencia do Pacto Antitransfuguismo, aprobado en xullo de 1998 e actualizado por última vez en novembro de 2020. No caso concreto de Lugo, Esquerda Unida considera que a edil María Reigosa debería renunciar á súa acta se as decisións do seu partido entran en contradición coa súa posición persoal. Ademais, advirten de que, no suposto de integrarse no goberno local, debe aplicarse con rigor a lexislación vixente, en particular o establecido na Lei de Bases de Réxime Local, que limita os dereitos políticos e económicos das persoas non adscritas.
Ademais disto, colectivos veciñais ligados á Federación de Veciños Lugo Rural Importa e a Xuntos Por Lugo tamén quixeron sumarse á actualidade social e política, creando a plataforma cidadá ‘Salvemos Lugo’. Os seus promotores explican que dan este paso co obxectivo de “rescatar” a Lugo dunha situación que cualifican de abandono e buscan recuperar o orgullo de pertenza á cidade. Subliñan que a plataforma nace sen vinculación a siglas políticas nin a ideoloxías concretas, xa que, segundo defenden, o seu único interese é mellorar a xestión municipal e ofrecer solucións reais aos problemas da cidadanía. Neste sentido, consideran que a etapa dos discursos e das confrontacións políticas debe dar paso á acción, advertindo de que as carencias que presenta Lugo non admiten máis demoras. Así, a plataforma elaborou un decálogo de actuacións urxentes que inclúe a mellora do estado das rúas urbanas e das estradas rurais, a creación dunha praia fluvial e dunha protectora de animais, así como a eliminación da cita previa nos trámites municipais.

Venres, 24 de abril
Carmela López e Efrén Castro, presidenta e vicepresidente da Deputación de Lugo, mostraron a súa unión contra a moción de censura. López amosou a súa oposición ao transfuguismo e chegou a sinalar que este tipo de prácticas deberían estar vetadas. Ademais, advertiu do clima de crispación existente tanto na cidade como na provincia, destacando o malestar social que está a xerar esta situación e cuestionando a utilidade deste tipo de iniciativas. Pola súa parte, Castro definiu a moción como unha das accións máis reprobables que presenciou na súa traxectoria política e acusou á dirixente popular, Elena Candia, de alimentar a tensión política e de actuar sen freos co obxectivo de acadar o poder.
Xa pola tarde, a sociedade lucense e doutras partes de Galicia, así como representantes políticos de esquerdas, indignados pola situación, concentráronse fronte ao Concello de Lugo, convocados pola plataforma cidadá 'Transfuguismo non, democracia si', para mostrar o seu rexeitamento á moción de censura. Segundo a organización, arredor de 6.500 persoas encheron a Praza Maior, repetindo en diversas ocasións: "Transfuguismo non, democracia si".
