Aberto o prazo de inscrición para o curso de horta agroecolóxica en Rábade

LugoXa | TerraChaXa
A formación desenvolverase entre o 9 de maio e o 13 de xuño a través de seis sesións consecutivas que terán lugar os sábados
curso-horta-ecoloxica-rabade
28 Apr 2026

Xa está aberto o prazo de inscrición para unha nova edición do curso de horta agroecolóxica, unha iniciativa dirixida a persoas interesadas en iniciarse ou mellorar os seus coñecementos no cultivo ecolóxico, mesmo partindo de cero.

A formación, que conta un ano máis coa colaboración de Amanda López, da Asociación Agroecolóxica A Estruga, desenvolverase entre o 9 de maio e o 13 de xuño a través de seis sesións consecutivas que terán lugar os sábados en horario de mañá, de 10:00 a 13:00 horas. O programa combina contidos teóricos e prácticos adaptados a todos os niveis de experiencia.

As sesións incluirán traballo práctico no Prado da Ponte, onde as persoas participantes crearán desde cero os bancais nos que se desenvolverá o curso, permitindo así unha aprendizaxe aplicada e progresiva.

A organización prevé adaptar o calendario en caso de condicións meteorolóxicas adversas, podendo suspender algunha das xornadas e alongar a duración do curso máis aló do 13 de xuño para garantir o cumprimento dos contidos.

O prezo da actividade será de 15 euros por sesión, cunha tarifa reducida de 10 euros para persoas socias da AGCT e/ou empadroadas en Rábade. As prazas son limitadas, polo que é necesario realizar inscrición previa a través dun formulario habilitado para tal fin.

Desde a organización animan á participación nesta proposta formativa, que busca promover a aprendizaxe, o intercambio de experiencias e o goce dun espazo agroecolóxico compartido.

calendario-curso-horta-ecoloxica-rabade
0.11696314811707