Abórdase en Lugo a menopausa desde a medicina, a saúde mental e a alimentación para desterrar mitos

A menopausa centrou este luns unha xornada divulgativa no Vello Cárcere de Lugo, organizada pola Concellería de Muller e Conciliación con motivo do Día Mundial da Menopausa. O encontro reuniu catro especialistas en medicina familiar, xinecoloxía, psiquiatría e nutrición para abordar os cambios asociados a esta etapa, resolver dúbidas e combater os mitos que aínda existen arredor dela.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou na apertura institucional da actividade, impulsada pola área municipal dirixida por Aurora Goás. No encontro interviñeron Ainhoa Rois García, especialista en medicina familiar; Ana López Domínguez, médica especialista en xinecoloxía e obstetricia; Paula Cores, xefa do Servizo de Psiquiatría do HULA; e Sara Barreiro, especialista en dietética e nutrición.
Unha das principais mensaxes da xornada foi a importancia de falar abertamente sobre a menopausa e normalizala, evitando que continúe sendo un tema silenciado. As profesionais tamén recomendaron acudir á atención primaria para resolver cuestións e recibir asesoramento, así como consultar outros especialistas sanitarios cando sexa necesario.
A alimentación saudable e a actividade física ocuparon tamén un lugar destacado, especialmente os beneficios do exercicio de forza. Ademais, abordouse a importancia de aceptar con naturalidade os cambios físicos asociados á menopausa, sen culpabilidade nin presións.
No peche da actividade, a concelleira de Muller e Conciliación, Aurora Goás, defendeu a necesidade de afastar a menopausa dunha imaxe de fraxilidade feminina. Pola contra, apostou por unha visión positiva desta etapa, que pode ocupar unha parte importante da vida das mulleres e que debe afrontarse con información, acompañamento e benestar.
Con esta iniciativa, o Concello de Lugo busca dar visibilidade á menopausa, facilitar o acceso a información rigorosa e ofrecer un espazo para compartir preocupacións e resolver dúbidas co apoio de profesionais especializados.