Abraham Cupeiro pechará o 25 aniversario do Arde Lucus cun concerto único na Praza de Santa María

LugoXa
O músico prepara un espectáculo irrepetible con instrumentos ancestrais e composicións inéditas para a ocasión
concerto-Abraham-Cupeiro-Praza-Santa-María-Lugo-Arde-Lucus
24 Mar 2026

O multiinstrumentista e musicólogo galego Abraham Cupeiro será o encargado de poñer o broche final ao 25 aniversario do Arde Lvcvs cun concerto moi especial que terá lugar na Praza de Santa María. Trátase dun recital gratuíto e exclusivo, creado especificamente para esta edición da festa de recreación histórica, tal e como confirmou o propio artista.

Cupeiro leva arredor de mes e medio traballando nun espectáculo concibido expresamente para este escenario, que cualificou como moi significativo a nivel persoal, ao tratarse dunha praza na que sempre soñou con actuar. O músico, natural de Sarria, está a fabricar de maneira artesanal varios dos instrumentos que empregará na actuación, entre eles algúns karnyx, así como outras pezas ancestrais que historicamente se utilizaban tanto en contextos bélicos como en rituais.

O concerto combinará algunhas das súas creacións máis coñecidas, como O Anel de Pedra ou a coñecida banda sonora da Muralla, con novas composicións elaboradas especificamente para esta ocasión. Sobre o escenario estará acompañado por un ensemble formado por dez músicos, que reforzarán a dimensión sonora da proposta.

Un dos aspectos máis destacados do espectáculo será a combinación de instrumentos históricos de distintas culturas europeas. Así, o cornus romano compartirán protagonismo co karnyx celta, un instrumento que recentemente soou no Stade de France, pero que, segundo explicou o propio Cupeiro, adquirirá unha sonoridade moi especial na Praza de Santa María.

O artista adiantou que un dos momentos máis salientables será cando tres cornos romanos e tres karnyx celtas soen de maneira simultánea, algo que non se producía desde hai milenios. Trátase ademais dos mesmos instrumentos, construídos por el mesmo, que foron utilizados na gravación da banda sonora de Gladiator II. Cupeiro destacou que, aínda que estes instrumentos son habituais na súa obra, nunca antes se reuniron todos nun mesmo escenario ao mesmo tempo.

Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, cualificou o concerto como “un espectáculo único, inesquecíbel e irrepetible”, asegurando que será o peche ideal para unha edición tan especial do Arde Lvcvs. Ademais, agradeceu o esforzo do artista e recoñeceu a colaboración da Diocese de Lugo, fundamental para poder levar a cabo unha montaxe técnica e de iluminación acorde ás necesidades do evento.

Tamén o edil de Xuventude, Jorge Bustos, destacou que a idea de contar con Cupeiro xurdiu hai tempo, co obxectivo de ofrecer unha proposta diferente, de gran nivel e con selo galego para celebrar o 25 aniversario. Subliñou ademais a implicación do músico, quen aceptou participar sen dúbidas ao coñecer que se trataba do acto de clausura da festa.

0.13225412368774