Abre o prazo de inscrición para o Maratón Fotográfico do Campus de Lugo
O Campus de Lugo acollerá ao longo deste outono unha programación ateigada de cultura grazas a algunha das súas iniciativas máis consolidadas como é o Maratón Fotográfico. As bases poden consultarse na páxina web de Lugo Cultural, froito do convenio asinado por USC, vicepresidencia da Deputación de Lugo e Cultura e Turismo do Concello de Lugo. Ata o 17 de outubro e a través dun formulario en liña, será posible solicitar praza no Maratón Fotográfico, unha iniciativa que chega xa á súa trixésima edición.
Un ano máis, poderán participar todas aquelas persoas maiores de 16 anos que o desexen. O certame organízase en dúas modalidades: tema libre ou tema proposto pola organización, o cal se dará a coñecer o día 20 de outubro, ás 9.30 horas, na Casa do Saber. As persoas inscritas que non asistan ao acto tampouco poderán participar na modalidade libre, malia poder consultar, esa mesma mañá, o tema proposto pola organización na páxina de Instagram de Lugo Cultural.
As fotografías enviaranse ata o 21 de outubro ás 10.30 horas, por mail ou WeTransfer, a cultura.lugo@usc.gal. Entregarase
unha fotografía por cada modalidade, o formato debe ser dixital e poden presentarse en branco e negro ou en cor. Entregaranse tres galardóns: o Premio Carlos Valcárcel á mellor fotografía do tema proposto pola organización, dotado con 350 euros, trofeo e diploma; o Premio Eduardo Ochoa á mellor fotografía do tema libre, dotado con 300 euros, trofeo e diploma; e o Premio do Público á mellor fotografía de ambos os temas, dotado con 100 euros e diploma.
A entrega de galardóns terá lugar o 11 de novembro, nun acto que se desenvolverá na Biblioteca Intercentros do campus lucense, espazo que albergará tamén unha mostra relativa ao Maratón Fotográfico. Ademais, elixiranse doce fotografías que formarán parte do calendario do ano 2025 de Lugo Cultural, que non teñen por que coincidir coas da exposición.