Abren as inscricións para o 43º curso de cultura tradicional galega de Cántigas e Frores

A Asociación Cultural Cántigas e Frores anunciou a apertura das inscricións para a nova edición do seu Curso de Cultura Tradicional Galega, que chega á súa 43ª convocatoria. A cita terá lugar os días 2, 3 e 4 de abril de 2026, converténdose nunha oportunidade para persoas interesadas en profundar nos diferentes ámbitos da música e danza tradicionais galegas.
Tal e como destacan desde a organización, este ano contarán con mestres recoñecidos pola súa experiencia e calidade docente: Marcos Botana impartirá a especialidade de baile tradicional; Felipe Sar será responsable de canto e pandeireta tradicional; Marina Vigo impartirá as clases de gaita; e Daniel Carballo “Maka” encargarase da percusión tradicional.
Ademais, nesta edición incorporarase un obradoiro de técnica vocal con orientación ao canto tradicional, a cargo da profesora Sara Nebra. “Como cada ano, estamos moi ilusionados de poder contar con profesionais tan destacados, dos que sen dúbida ides aprender moito”, explican desde Cántigas e Frores.
A formación, cun prezo da matrícula será de 65 euros para o público xeral e de 55 euros para os socios da asociación, ofrece un espazo único para achegarse á cultura popular galega, mellorar a técnica individual e compartir experiencias con outros afeccionados e profesionais do ámbito.
As prazas son limitadas, polo que a asociación anima a inscribirse canto antes para garantir a participación neste curso que xa se consolida como unha das citas anuais máis importantes no calendario da música e danza tradicionais galegas.