Adai afonda nun petróglifo único en Europa para reconstruír unha paisaxe sagrada

GaliciaXa | LugoXa
A cuarta campaña arqueolóxica na parroquia lucense céntrase en dous abrigos, seis mámoas e dous novos petróglifos
traballos-Adai-Adrian-Folgueira
Imaxe de Adrián Folgueira
16 Sep 2026

A cuarta campaña de escavacións arqueolóxicas en Adai, na parroquia de Santa María Madalena, afonda este ano en dous abrigos situados na propiedade da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Veciños de Adai. Os traballos, iniciados o 31 de agosto e que se prolongarán ata o 18 de setembro, buscan avanzar no estudo dun conxunto arqueolóxico que xa foi obxecto de intervencións no Corro dos Mouros entre 2023 e 2025.

Un dos puntos nos que se centra esta nova campaña é Pena Travesa, un abrigo que conserva na parte superior da rocha un petróglifo con deseños complexos de cazoletas. O outro presenta un gravado considerado único en Europa, correspondente ao fondo dunha cabana duns 40 metros cadrados.

A directora dos traballos, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela e investigadora do CISPAC Pilar Prieto, explica que este achado permitirá "completar o coñecemento dunha paisaxe sagrada", ao achegar nova información sobre o uso e a configuración deste espazo arqueolóxico.

A investigación complétase coa catalogación de seis mámoas e dous novos petróglifos localizados na zona. Ademais, está prevista para finais de setembro unha prospección xeofísica que permitirá buscar posibles restos de estruturas arqueolóxicas no subsolo e contribuír así á planificación de futuras investigacións.

Dentro da campaña, o 17 de setembro ás 17:00 horas terá lugar unha visita guiada de acceso libre polos xacementos escavados de Penas do Caldeiro. A actividade permitirá coñecer sobre o terreo os traballos desenvolvidos e os achados realizados durante esta cuarta intervención arqueolóxica.

A campaña conta co financiamento do proxecto RODAS, "Yacimientos funerario-rituales singulares del Final de la Edad del Bronce a la Edad de Hierro en el Noroeste Ibérico", incluído no Plan Nacional de Proyectos de Generación de Conocimiento 2024 da Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades do Goberno de España, así como do proxecto de Consolidación e estruturación 2025 GRC GI-1553 EcoPast da Xunta de Galicia.

0.12212610244751