Adega celebra a DIA desfavorable para o parque eólico de Navallos

ADEGA celebra a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorable emitida pola Xunta de Galiza para o parque eólico Navallos, promovido por Enel Green Power nos concellos de Castroverde e Baralla.
"A resolución supón unha boa nova para a defensa do territorio e confirma as advertencias realizadas por ADEGA durante a fase de información pública", explican. Nas alegacións presentadas, ADEGA alertaba dos impactos ambientais do proxecto, da súa localización nunha área de elevado valor ecolóxico da Reserva da Biosfera Terras do Miño e da ameaza que supuña para a conectividade ecolóxica entre espazos naturais do interior lucense.
ADEGA puxo especialmente o foco na falta dunha avaliación real dos efectos acumulativos e sinérxicos derivados da concentración de parques eólicos na comarca. "Nun radio de poucos quilómetros concéntranse numerosos parques en funcionamento, autorizados ou en tramitación, unha situación que está a provocar unha crecente presión sobre a biodiversidade, a paisaxe e o medio rural", aclaraba.
A asociación ecoloxista tamén denunciou a fragmentación de proxectos e infraestruturas de evacuación en expedientes separados, unha práctica que dificulta a avaliación conxunta dos impactos e que foi cuestionada de forma reiterada polos tribunais.
Para ADEGA, a DIA desfavorable de Navallos "confirma as carencias ambientais do actual modelo de desenvolvemento eólico impulsado pola Xunta. A transición enerxética é necesaria e urxente, pero non pode converterse nunha coartada para a ocupación industrial do territorio nin para a degradación dos espazos naturais que desempeñan un papel esencial na conservación da biodiversidade e na loita contra a crise climática".
ADEGA reclama á Xunta de Galiza que abandone a política de tramitación masiva de proxectos e abra un proceso de planificación enerxética transparente, participativo e sometido a avaliación ambiental estratéxica, "que permita determinar onde son compatibles as instalacións renovables e onde deben prevalecer os valores naturais, paisaxísticos e sociais do territorio".