ADEGA-Lugo afronta a recta final da campaña para levar aos tribunais a defensa das nacentes do río Rato

LugoXa
Á asociación quedan 15 días e menos de 4.000 euros para completar a recadación necesaria para recorrer á vía xudicial contra a urbanización prevista no Sector S-5.I e a cementación das zonas que alimentan o río
Rio-Rato-Sen-Cemento-Adega-Lugo
15 Sep 2026

A campaña "Río Rato sen cemento", promovida por ADEGA-Lugo para defender as nacentes do río Rato fronte á transformación urbanística prevista no Sector S-5.I, entra na súa fase decisiva. A organización dispón de 15 días para pechar a recadación e asegura que faltan menos de 4.000 euros para alcanzar o obxectivo económico que permita iniciar a vía xudicial.

ADEGA fai así un chamamento á cidadanía para realizar un último esforzo nas doazóns e completar os fondos necesarios para levar aos tribunais a defensa deste espazo natural, afectado polo desenvolvemento previsto para a ampliación do polígono industrial do Ceao.

Segundo a asociación, a zona conta con nacentes, regos e áreas húmidas que contribúen a alimentar o río Rato, ademais de bosques de ribeira, carballeiras e outros espazos naturais. ADEGA defende que a conservación destes terreos debe abordarse tamén como unha cuestión relacionada co modelo urbano de Lugo e coa necesidade de reducir a impermeabilización do solo e os efectos da crise climática.

A campaña conseguiu xa reunir unha parte importante da cantidade prevista e encara agora as últimas dúas semanas con menos de 4.000 euros por recadar. Para ADEGA, o apoio obtido ata o momento evidencia o interese existente pola protección do río Rato e do seu patrimonio natural.

Unha ruta para coñecer as nacentes do Rato

Dentro das actividades vinculadas á campaña, ADEGA-Lugo organizará este sábado unha ruta polo primeiro tramo do río Rato. A saída terá lugar ás 16:00 horas desde o parque de Paradai de abaixo. Para participar é necesario inscribirse previamente a través do correo adegalugo@adega.gal.

O percorrido permitirá achegarse ao río e coñecer directamente a súa contorna, así como os espazos que contribúen á formación do seu caudal e que a asociación considera necesario preservar.

Ademais, ADEGA-Lugo prevé celebrar unha foliada no lugar de Reque, nas proximidades do río Rato, coincidindo coa parte final da campaña de recadación.

A asociación anima a participar tanto nas actividades como na campaña de doazóns, que afronta os seus últimos 15 días con menos de 4.000 euros pendentes para acadar o obxectivo marcado.

0.12108492851257